A Casa da Cultura de Caamaño acolleu este domingo 12 de xaneiro a homenaxe que o Concello de Porto do Son e a veciñanza da parroquia e do municipio quixeron render a Francisco Olveira Santos, director da histórica Banda de Música de Caamaño desde hai máis de 50 anos.
O alcalde, Luis Oujo, entregou a insignia do Concello, en recoñecemento de toda a súa carreira ao fronte da banda de música sonense, desde o ano 1968.

A Banda de Música de Caamaño, un dos grupos de cámara máis antigos de Galicia, naceu no ano 1912, fundado por Manuel Olveira Paz, pai de Francisco. José Olveira Santos, irmán de Francisco, foi a segunda persoa que se puxo á fronte da agrupación que, posteriormente, deu o relevo a Francisco que leva desde fai 56 anos dirixindo a banda.

O alcalde, Luis Oujo, quixo destacar na homenaxe que “isto é un recoñecemento a toda una vida dedicada á música e ao compromiso cunha banda que é fonte de inspiración para todos e todas nós. Francisco guiou a xeracións enteiras de músicos, ensinándolles no só a tocar instrumentos, senón tamén a traballar en equipo, valorar a disciplina e desfrutar da beleza que a música aporta nas nosas vidas”.

Un relevo garantido
Aínda que Francisco Olveira está activo, o seu relevo na dirección da banda está asegurado. Así, cando lle resulta imposíbel acudir a unha cita coa banda deixa a batuta nas mans da súa filla Mari Carmen. Ela, coma seu pai, toca o clarinete, pero non é a única da saga Olveira que aporta e que forma parte desta formación. A súa filla, Carmen de Castro, é outra das clarinetistas da banda e o seu irmán, Manuel, o saxo alto. A maiores, tamén se incorporaron ao grupo as dúas fillas deste, Ana María (saxo tenor e bombo) e Cristina (saxo alto).

“Hoxe celebramos non só os teus logros como director, senón tamén a túa dedicación e amor pola nosa cultura. Soubeches manter viva a tradición musical da nosa comunidade, e iso é algo que todos debemos agradecerte. A música ten o poder de unirnos, de facernos sentir e de recordarnos quen somos. E ti, Francisco, es o mestre que fixo realidade que esa maxia suceda”, rematou Oujo.
