Santiago celebra a figura de Castelao cun faladoiro, unha peza teatral e un obradoiro de debuxo con Kiko da Silva

20 Marzo 2025

Compostela Cultura programa o sábado 29 de marzo diversas actividades para afondar na memoria do rianxeiro Castelao, figura clave da cultura e a política galega. O Auditorio de Galicia acollerá pola mañá un faladoiro arredor do pensamento social e político do autor de Cousas e un obradoiro de debuxo para a rapazada que será conducido por Kiko da Silva. Á tarde, outra oportunidade de achegarse á súa pegada dende o teatro coa presentación do espectáculo para público familiar Castelao, de Culturactiva.

O debuxante Kiko da Silva

A exposición Ollos de vidro. As formas doutra historia de Galicia programa no mes de marzo unha serie de actividades complementarias á mostra que buscan afondar no pensamento e na obra de Castelao desde distintas perspectivas. Estas citas permitirán ao público adulto e miúdo mergullarse no universo creativo do autor e reflexionar sobre o seu legado.

Ambas as actividades gardan estreita relación coa programación escénica de Compostela Cultura que esa mesma tarde leva á Sala Mozart do Auditorio a representación de Castelao, unha peza teatral para público familiar con texto de Paula Carballeira e dirección de Fina Calleja que nos achega ao neno que unha vez foi Alfonso Daniel Rodríguez. 

Faladoiro Memorias dun esquelete: o retorno do Castelao

A xornada arranca ás 12.30 horas no Auditorio de Galicia. A Sala Isaac Díaz Pardo que abeira a mostra serve tamén de espazo de encontro para Memorias dun esquelete: o retorno do Castelao, un faladoiro que, catro décadas despois do reenterro do autor engarza diferentes “ollos de vidro” para analizar o pensamento político na exposición. Por unha banda, o vidro de Tareixa Navaza a través das cámaras de televisión que retransmitiron a cerimonia de reinhumación; por outra banda, o lente a través do que Xan Carballa tomou as súas fotografías dese mesmo 28 de xuño de 1984, e para rematar, o da pantalla do ordenador do investigador Jorge Linheira. A estes cristais que ollan xúntanselles os raios-X artísticos da mostra comisariada por Germán Labrador con acompañamento de María Bella. E, así, neste faladoiro –moderado por Branca Novoneyra– lembraranse non só as disputas institucionais e políticas por ver, facer ver e ocultar o esquelete de Castelao, senón tamén os modos de relacionarnos hoxe cos diferentes retornos do seu fantasma. A participación é libre até completar capacidade. 

Obradoiro de debuxo Castelao polo miúdo

En paralelo, e co gallo de achegar a obra de Castelao ao público máis novo, desenvolverase na Sala Circular do Auditorio o obradoiro Castelao polo miúdo, unha sesión de debuxo inspirada no volume Cousas. Dirixido á rapazada a partir de 10 anos, este obradoiro creativo estará conducido polo recoñecido humorista gráfico e viñetista Kiko da Silva, quen guiará as e os participantes na exploración do universo gráfico e narrativo de Castelao e sobre a retranca característica das súas viñetas.  Esta actividade busca non “só fomentar a creatividade e o coñecemento da obra do autor, senón tamén facilitar unha comprensión máis profunda da súa linguaxe artística, da agudeza do seu humor e do seu compromiso coa realidade social da súa época”, segundo adiantan dende Compostela Cultura, engadindo que a participación é gratuíta, previa inscrición até o 28 de marzo a través da web de Compostela Cultura.

Con estas iniciativas, Ollos de vidro reafirma o seu propósito de transcender o espazo expositivo para converterse nun foro de reflexión, aprendizaxe e creación arredor de Castelao e da súa influencia na cultura galega.

Sobre as táboas, o rapaz que foi Castelao 

A axenda teatral do sábado garda tamén lugar especial para este autor capital das letras galegas. Ás 18.00 horas representarase na Sala Mozart a obra Castelao, de Culturactiva, unha peza para público familiar escrita por Paula Carballeira e dirixida por Fina Calleja. Mónica Camaño e Cris Collazo conforman o elenco desta ficción sobre as matinacións e falcatruadas do neno Castelao nos días previos á súa saída cara á Arxentina. 

A obra forma parte da programación En Familia e do foco Creadoras de Escena de Compostela Cultura. As entradas para o espectáculo teñen un prezo único de 3 euros e poden ser adquiridas de forma anticipada tanto na web compostelacultura.gal como no despacho de billetes da Zona C · Punto de Información Cultural. De existir aínda localidades dispoñibles tamén se poderán comprar no despacho de billetes do Auditorio o día do espectáculo dende as 17.00 horas.

Outros artigos

O PSOE de Ribeira acusa ao Executivo local de “falta de propostas”

O PSOE de Ribeira tamén fixo balance do ano de Goberno do PP e PBBI logo da moción de censura consumada en outubro do ano pasado. No seu balance afirmou que a alcaldesa, coincidindo co primeiro aniversario da moción de censura, "segue sen ofrecer solucións á fronte da...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

Vaya por delante que la huelga es una conquista consagrada que tienen los trabajadorespara reivindicar y defender sus derechos. De hecho, en lo que llevamos de democraciatodas las huelgas generales se convocaron por razones laborales contra las políticas delGobierno...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.