A mellora do bordo litoral do Son e a Casa Panchés, finalistas nos XXI Premios COAG de Arquitectura

10 Marzo 2025
Un recanto do proxecto de mellora litoral de Porto do Son

O Colexio de Arquitectos de Galicia deu a coñecer as obras finalistas da XXI edición dos Premios COAG de Arquitectura, que contou coa candidatura de 243 propostas visadas, executadas e finalizadas entre o 1 de outubro de 2022 e o 30 de setembro de 2024.

Na listaxe atopamos tres propostas da nosa contorna. En primeiro lugar e na categoría de deseño de espazos urbanos, o proxecto Mellora do bordo da praia de Porto do Son (Juan José Creus Andrade, Covadonga Carrasco López, Marcial Rodríguez Rodríguez e José Martín Valladares Durán e Alberto Redondo Porto). En segundo lugar, na modalidade de vivendas unifamiliares atopamos a Casa Panchés de Carnota (proxecto de Óscar Andrés Quintela e Iván Andrés Quintela, de Arrokabe). Por último, na categoría de proxectos de fin de carreira, o xurado seleccionou Usos híbridos no polígono industrial: Fitodepuración no Polígono da Tomada, a cargo de Laura Pena.

O decano do Colexio de Arquitectos de Galicia, Luciano Alfaya, preside o xurado composto pola arquitecta Carmen Pinós; o arquitecto Alfonso Penela; a arquitecta Filipa Guerreiro; o urbanista e presidente da Agrupación de Arquitectas e Arquitectos Urbanistas de Galicia, Alfonso Díaz; e a escritora Blanca Riestra; ademais de actuar como secretario –con voz pero sen voto– o vogal de Cultura da Xunta de Goberno do COAG, José Luis Gil Pita.

Unha vez analizadas todas as candidaturas, o xurado escolleu primeiramente 102 obras como proxectos seleccionados, para finalmente elixir como finalistas 47 obras entre as seguintes categorías: vivenda unifamiliar, 5; vivenda plurifamiliar, 4; outros edificios, 4; obras de rehabilitación patrimonial e restauración, 5; obras de deseño interior, 4; arquitecturas efémeras e deseño, 4; planificación urbana, 4; deseño de espazos urbanos, xardinaría e paisaxismo, 4; divulgación e investigación, 6; Proxecto Fin de Carreira, 3; e obra no exterior, 4.

As propostas gañadoras daranse a coñecer nun acto no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela, o vindeiro 5 de abril, que é o punto de encontro bienal de todos os sectores da Arquitectura, no que se xuntan, ademais de arquitectos e arquitectas, promotores, industrias e construtores para coñecer as mellores propostas de arquitectura e urbanismo realizadas desde Galicia. Esta edición dos premios está patrocinada por Finsa, Cortizo, Bandalux e Aluman.

A Casa Panchés

O decano do COAG, Luciano Alfaya, subliñou a importancia de manter este premios, iniciados en 1987, desde a actualización de referencias e a incorporación de novas categorías. Así mesmo, destaca, nesta edición, “o elevado número e a calidade dos proxectos presentados, en especial en vivenda e rehabilitación, o que dá conta da importancia de ambos eidos na actual arquitectura galega”.

“Os premios COAG son una mestura de tradición e innovación. Mantéñense os obxectivos fundacionais de recoñecer e divulgar o mellor da arquitectura galega. Pero precisamente porque a arquitectura galega é unha realidade dinámica e en constante evolución, os premios teñen que estar abertos a recoller eses cambios”, asegura o decano.

Outros artigos

Mar remata as obras de construción do peirao interior de Muros

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investiu 460.000 euros na reconstrución dun tramo do peirao interior da dársena de Muros (A Coruña). A titular do departamento autonómico, Marta Villaverde, visitou na mañá deste mércores 10 de xuño as obras que se...

+

ADEGA di que maquinaria pesada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...