A patronal boirense (ABE) puxo en marcha unha nova campaña de promoción co obxectivo de impulsar ás vendas no comercio local e premiar a fidelidade da clientela con motivo do Día do Pai. A iniciativa inclúe o sorteo de cinco caixas gourmet, elaboradas expresamente para a ocasión e, segundo informou o empresariado de Boiro, “compostas por un set de corte de queixo, un queixo galego e un lote de botellas de viño, produtos de alta calidade da Praza de Abastos local, que buscan ofrecer un agasallo exclusivo para esta data especial”.

A campaña desenvolverase entre o 6 e o 18 de marzo. Durante este período, as persoas que realicen as súas compras nos establecementos asociados poderán rexistrar os seus tíckets de compra para entrar no sorteo das cinco caixas gourmet.
O sorteo celebrarase o 18 de marzo ás 12.00 horas e os premios estarán dispoñíbeis para a súa recollida o propio Día do Pai.
A ABE con esta campaña busca “dinamizar a actividade comercial no municipio, poñendo en valor a calidade dos produtos e servizos dos establecementos locais”.
As bases completas da campaña están dispoñíbeis en www.abe.gal.
Esta campaña conta con financiamento da Xunta de Galicia.




