Os Concellos de Ames, Padrón, Dodro, Rianxo, Boiro, A Pobra e Ribeira asinarán este martes 25 de febreiro, ás 13.00 horas, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, un documento reclamando a constitución dunha mesa de traballo entre o Ministerio e os Concellos para traballar na liberalización paulatina da AP-9. De xeito paralelo, reclaman que se teña en conta o tramo Padrón-Santiago dada a súa importancia para unir o Barbanza con Santiago e expulsar os vehículos das vías secundarias para facilitar que os núcleos urbanos e vilas se humanicen e recuperen o espazo para as persoas.
Blas García, alcalde de Ames; Anxo Arca, alcalde de Padrón; Xavier Castro, alcalde de Dodro; Julián Bustelo, alcalde de Rianxo; José Ramón Romero, alcalde de Boiro; José Carlos Vidal, alcalde da Pobra; e Luís Antonio Pérez, alcalde de Ribeira; serán os rexedores encargados de asinar o documento dirixido ao Ministerio de Óscar Puente insistindo na importancia de abordar esta situación dende “unha perspectiva municipalista, apartidista e dende un punto de vista realista”, poñendo ás persoas no cetro do debate e articulando un plan en varias fases que teña como obxectivo final a gratuidade da autoestrada do atlántico.




