
A área de Dereitos Civís da Deputación, liderada pola deputada Soledad Agra vai contribuír a reivindicar e recoñecer a historia das irmás Touza, as loitadoras e valentes anti-nazis de Ribadavia. Farao través da representación da obra de teatro A nai en 20 concellos da provincia, xunto coa elaboración dunha guía didáctica para achegar “a necesidade non só de recuperar esta historia senón tamén de abordar un exemplo de loita contra os discursos racistas e xenófobos actuais”, apuntou a deputada de Outes, lembrando que a historia das irmás está máis vixente que nunca. A primeira das representacións terá lugar este 25 de febreiro na Casa da Cultura de Narón onde asistirán uns 600 alumnos e alumnas de centros de ensino da contorna.
A Nai é un espectáculo de Amorodio Teatro fraguado durante unha estadía da agrupación no Auditorio Municipal de Rianxo e que fala sobre a historia de tres irmás de Ribadavia: Lola, Amparo e Julia Touza, que nos anos 40 rexentaban un quiosco na estación de Ribadavia, un lugar máis polo que nos anos máis duros do nazismo desfilaron xudeus, mulleres xitanas, homosexuais que fuxían dunha morte segura en campos de concentración da Alemaña nazi. As irmás agochaban ás persoas fuxidas varios días até que o enlace seguinte tamén colaborador desa rede os levaba ao punto seguinte até chegar a Portugal e desde ese país conseguir cruzar o Atlántico e poñer as vidas a salvo, ser libres.
Segundo explica Soledad Agra “esta historia existe porque eran mulleres solteiras, unha delas incluso nai, iso permitiulles ser donas de si mesmas e ter unha autonomía económica e vital, e por suposto porque tiñan tamén moita valentía”. Neste sentido, apuntaba que “temos que facer un esforzo desde as administracións por dar a coñecer ao conxunto da poboación, especialmente á xente máis moza, a nosa historia, o que acontece cando se instalan na sociedade discursos de odio, e visibilizar a vida destas tres galegas rebeldes que loitaron contra as inxustizas axudando a quen o precisaba”.
Amorodio Teatro gañou con esta peza un premio Luísa Villalta a proxectos pola igualdade da Deputación da Coruña. A obra, segundo explican, “interpela a quen está sentada na butaca, busca espertar sentimentos, que a xente que a está vendo se remova por dentro, que reflexionen sobre se seriamos capaces de arriscar a nosa vida por outras”.
A Nai está dirixida por Marián Bañobre e escrita por Laura Porto. A peza conta na vertente escenográfica co binomio formado por Asdúasepunto (Carmen Casal e María Torres) e na parte lumínica con Violeta Martínez. Pola súa banda, Raquel Crespo é a encargada de vestiario e a produtora Enibó, composta por Adolfo Fernández e Lucas Lombardo, é a responsábel da realización dos audiovisuais. Os grafismos corren a cargo de Xoán Brégoa.

A Nai, engaden, é “un espectáculo teatral multidisciplinar, que emprega ferramentas do teatro documento e da autoficción, sen perder nunca o sentido do humor”. Como dixemos, o espectáculo aborda de cheo a historia das irmás Lola, Julia e Amparo Touza, salvadoras dunha cantidade estimada de 500 persoas xudeas durante o Holocausto. Grazas á estimábel contribución humanitaria destas mulleres, a peza aborda a posibilidade de sermos mellores persoas en tempos de degradación moral. “Empregando a memoria como ferramenta de análise para o presente, e material de construción para o futuro, trázanse relacións entre a vida e obra das irmás e as vidas dos propios intérpretes, tratando de establecer un paradigma de acción ética que abra unha vía para construír unha sociedade mellor a través da acción individual”, explican dende a compañía.
Carmen Facorro, Javier Castiñeira e Raquel Velasco , son as intérpretes que, mesturando a súa vida coa das Touzas, contan esta historia de valentía e entrega polos demais enriba das táboas.



