
O Concello de Muros prepárase para vivir unha nova edición do Entroido, unha das festas máis esperadas do ano. Farao cunha completa programación que se desenvolverá do 1 ao 7 de marzo de 2025. A axenda contará con actividades para todas as idades, desde festas infantís ata o tradicional concurso de comparsas e o Enterro do Facundo, segundo fixeron saber dende o Consistorio e as entidades co-organizadoras, engadindo que as celebracións arrancarán o sábado 1 de marzo cunha festa infantil no Curro da Praza, seguida da actuación de La Maquinaria Band e unha xuntanza interxeracional amenizada por Juan do Tractor e EME Music, organizada pola Comisión de Festas de Serres.
O domingo 2 de marzo celebrarase un dos eventos máis destacados: o Desfile e Concurso de Comparsas, que sairá desde a Virxe do Camiño ata o Curro da Praza de Muros e contará coa actuación do colectivo Bloco Meigallo. Este ano, o concurso repartirá 3.525 € en premios e introduce dúas novas categorías: Carrozas e Murgas, ademais das tradicionais modalidades de individual, grupos e comparsas.
O prazo de inscrición estará aberto ata o 26 de marzo ás 14:00 h, podendo consultarse as bases na páxina web do Concello e na sede electrónica.
O Entroido continuará con varias festas infantís de disfraces en diferentes localizacións: o luns 3 de marzo no Pavillón Xosé Lago (Esteiro) e no Muíño de Mareas do Pozo do Cachón (Serres); o martes 4 de marzo no Centro Social de Louro (Muros); e o venres 7 de marzo no Centro San Xosé (Muros).
O mércores 5 de marzo, Muros despedirá o Entroido co tradicional Enterro do Facundo, que sairá da praza do Cristo e finalizará coa súa queima na praia do Castelo. A xornada estará animada pola música de La Maquinaria Band.
A concelleira de Cultura, Caridad González, animou a toda a veciñanza a participar nesta celebración: “O Entroido é unha das festividades máis relevantes da nosa comarca, unha oportunidade para gozar, compartir e manter viva a nosa tradición”.
Toda a información sobre o programa e as bases do concurso de comparsas pódese consultarse na web oficial do Concello de Muros.




