– Dende o grupo municipal critican que a falta de entendemento entre os grupos que ostentan o goberno levase á Comisión de Festas de Aguiño a
dimitir
— Os populares recordan que as xestións a realizar ante Portos seguen sendo as mesmas que na anterior lexislatura a funcionan igual para toda Galicia

O Grupo Municipal do Partido Popular (PP) no Concello de Ribeira expresou o seu desacordo coa forma en que se están xestionando as relacións coas comisións de festas, especialmente coas que necesitan espazos portuarios para levar a cabo as súas actividades festivas. Denuncian que, a pesar de que os trámites non mudaron con respecto aos últimos anos, as condicións seguen sendo iguais para todos os concellos galegos, pero critican que o que realmente mudou é a política do goberno tripartito de desentenderse das súas responsabilidades e de realizar o mínimo posible.
Desde o PP, aseguran que as comisións de festas, como a de Aguiño, se ven obrigadas a enfrontarse en solitario á dificultade de obter as autorizacións necesarias, que inclúen requisitos como a presentación dun aval. Segundo afirman, estas xestións son imposibles para unha entidade sen ánimo de lucro, que xestiona os fondos dos veciños exclusivamente para organizar festas que beneficien á comunidade. En contraste, a administración local ten moita máis facilidade para asumir estas responsabilidades, sen que lle supoñan ningún custo ou dificultade.
O grupo de oposición tamén critica a falta de coordinación entre os membros do goberno tripartito, o que conduce á desidia e á frustración de mozos que levan a cabo o traballo de organizar as festas da parroquia. “As liortas de poder entre Suárez-Puerta e Mariño, ademais de dilatar as xestións, demostran que o goberno non é capaz de poñerse de acordo para adoptar un criterio común, evidenciando a falta de liderado do señor Pérez Barral”, sinalan.
Os populares mostran tamén o seu apoio ás comisións de festas, especialmente á de Aguiño, destacando o traballo serio que realizan ao longo dos anos para recuperar actividades e celebracións que estaban esquecidas. “É unha pena que, unha vez máis, os veciños saian perdendo pola politización de todo”, lamentan.
Por último, o PP subliña que este tipo de desatención ás comisións non é un fenómeno novo. O ano pasado, presentaron unha pregunta plenaria en relación á Festa da Xuventude, que foi concedida a unha empresa privada, coincidindo coa celebración das festas de Aguiño e poñendo en evidencia a falta de solucións por parte do Concello, que non ofrecía respostas claras. A formación denuncia que esta situación é un reflexo dos “reinos de taifas” que, ao seu entender, caracterizan o actual goberno local.



