A actividade de voluntariado ambiental organizada na mañá deste 16 de febreiro polo proxecto Comunidades Activas e Paisaxes Resilientes a Incendios Forestais e Cambio Climático (CAPRIF-CC) para repoboar con árbores autóctonas o monte de Froxán (Lousame) superou amplamente o éxito de citas anteriores ao alcanzar o cento de participantes, maioritariamente familias con menos/as.

Baixo a coordinación da Fundación Montescola, a actividade desenvolveuse na contorna da Casa da Susana, segundo explicou a organización da xornada “unha contorna de especial relevancia para a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Froxán por tratarse da zona na que iniciaron no ano 2017 a restauración do monte”. Na mañá deste domingo os cativos e as cativas puideron plantar máis de medio cento de árbores autóctonas de especies como carballos, nogueiras, teixos, érbedos, pradairos, olmeiros ou sobreiras.

Ademais de gozar cun espectáculo de animación infantil e dunha gran chocolotada final, os cativos e as cativas tamén participaron nun obradoiro infantil de poda para comezar a familiarizarse con esta actividade.
O proxecto CAPRIF-CC está impulsado pola Fundación Juana de Vega, a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER), a Fundación Centro Tecnológico y Forestal de la Madera (CETEMAS), a Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT) e a Fundación Montescola, e conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea cos fondos NextGenerationEU.




