
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, mantivo un encontro este 11 de febreiro cos responsábeis das confrarías do libre marisqueo da ría de Arousa, xuntanza formalizada a solicitude das federación provinciais da Coruña e Pontevedra para “abordar a situación dos bancos de libre marisqueo”. No transcurso da xornada de traballo Villares trasladou aos pósitos “o compromiso de Xunta para continuar implantando medidas, así como a mobilización de recursos, co obxectivo de impulsar a produtividade das zonas produtivas”.
O titular de Mar explicou que “desde o Goberno galego estase a financiar proxectos de investigación en colaboración cos centro de investigación mariña autonómicos e as universidades galegas para estudar con profundidade os factores que afectan á produtividade dos bancos e no deseño de actuacións biotecnoloxicas que permitan mitigalas. Nesta liña, ofreceu a colaboración e os recursos dispoñibles da Consellería para o análise e deseño de acción que reforcen a actividade marisqueira”.
Alfonso Villares debullou tamén os apoios directos ao sector “con máis de 108 mil euros á confrarías da ría de Arousa ao abeiro da orde de axudas para a rexeneración e 475 mil euros ao abeiro da orde de apoios para proxectos de restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños”, dixo, lembrando a publicación no DOG o pasado mes de xaneiro, no marco do Plan de Competitividade e Sostibilidade do Marisqueo en Galicia, de dúas convocatorias de axuda para a mellora da xestión e conservación dos bancos marisqueiros que ascenden a un total de 2,2 millóns de euros.
Nun plano máis concreto, recordou traballos de recuperación marisqueira como os levados a cabo no banco do Bohído, onde se desenvolveron tarefas de remoción nunha superficie de preto de 567 mil m2 , na contorna da praia Cabío sobre unha superficie de 260 mil m2, e no banco dos Lombos do Ulla sobre máis de 400 mil m2, previa limpeza, e que se suman ao control de depredadores e sementeiras como a executada por mergulladores no banco do Bohído con máis de 265 mil unidades de ameixa babosa procedente do viveiro de O Vicedo do Centro de Investigacións Mariña (CIMA), dependente da Consellería do Mar.



