
A agrupación UCIN Galicia, a través do seu coordinador José Luis Calo, achegou con motivo da súa visita ao concello de Boiro (este 11 de febreiro) un comunicado sobre o que considera as principais necesidades da cidadanía, que, na opinión do grupo está “absolutamente esquecida” por parte da Administración local. UCIN Galicia pon o foco en diferentes aspectos, como o estado das beirarrúas e o pavimento, a falta de iluminación en moitos puntos e a inseguridade: “A maioría de zonas e instalacións atópanse en moi mal estado, con moitas zonas nas que as beirarrúas están levantadas e incumprimento da lei de accesibilidade. Os cidadáns de Boiro merecemos ter servizos como outros concellos”.
Entre os aspectos que denuncian, un dos puntos nos que máis insisten dende UCIN Galicia é o relativo á seguridade, pois consideran que o municipio cada vez é máis perigoso para os cidadáns: “Hai unha falta de seguridade e de vixilancia que é evidente. Cada vez prodúcense máis altercados, sobre todo polas noites”. Nese sentido, o coordinador UCIN Galicia, José Luis Calo, asegura que a falta de iluminación nas rúas tamén incrementa esta sensación de inseguridade que, ao seu xuízo, padecen os veciños: “A iluminación é insuficiente. É algo do que os veciños se queixan moito, e con razón. É un tema que debe solucionarse”. Seguindo este fío, a agrupación solicita “máis presenza policial nas rúas, xa que as persoas que viven en Boiro teñen dereito a que sexa garantida a súa seguridade”.
Entre as principais reivindicacións, tamén hai outras demandas, como a “falta de saneamento e limpeza viaria”, que, en palabras da agrupación, “provocan que as zonas dean unha imaxe negativa da cidade”. O grupo conclúe ao afirmar que o devandito “é algo que se aprecia a primeira ollada e ao que non se lle pon solución. É necesario que se actúe e póñaselle remedio”.



