O VII Festival Rosalía encherá Santiago de música, poesía, animación de rúa e teatro entre o 21 e o 23 de febreiro

19 Febreiro 2025

O Festival Rosalía, organizado pola Deputación da Coruña en colaboración co Concello de Santiago de Compostela, celebrará entre os días 21 e 23 de febreiro a súa sétima edición para conmemorar o 188º nacemento da escritora. Neste 2025, o programa amplíase en duración ao se estender a tres días. A xornada inaugural será o venres 21 e consistirá nunha visita guiada á Casa Rosalía co presidente da Fundación Rosalía, o poeta e profesor de Manselle (Dodro), Anxo Angueira. Xa durante a fin de semana, a actividade concentrarase na compostelá praza de Mazarelos, aínda que tamén se realizarán actuacións no Teatro Principal e no Colexio Maior de Santo Agostiño.

Baixo o lema Sen pombas nin flores, inspirado nun verso rosaliano tirado de Follas Novas, desenvolverase un amplo programa que inclúe recitais, animación de rúa, concertos e teatro.

A axenda foi dada a coñecer pola deputada provincial de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís, Soledad Agra, xunto á alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, e o propio Anxo Angueira. Na súa intervención, Agra sinalou que o obxectivo do festival é “celebrar a figura de Rosalía, socializando todas as súas diferentes facetas (feminista, defensora da lingua e da identidade galega, da súa cultura, paisaxe e patrimonio, defensora das inxustizas e contra os abusos do poder); e tamén demostrar e poñer en valor a diversidade e a calidade da creación artística na nosa lingua”.

Visita guiada e feira
O Festival Rosalía brindará ao público tres xornadas de actividade. A primeira delas, o venres 21, centrarase na visita guiada á Casa Rosalía conducida por Anxo Angueira. Esta ruta pola Casa da Matanza ten as prazas limitadas e dende Santiago sairá un bus fretado pola organización. A inscrición, gratuíta como o conxunto do programa, realizarase a través da ligazón habilitada. O bus sairá ás 16.30 de Santiago e a visita guiada principiará ás 17.00 horas.

Xa o sábado, o Festival Rosalía continuará ás 11.00 horas coa apertura da feira, situada na praza de Mazarelos. A Libraría Pedreira, Árbore Azul, 13D Deseño Galego Impreso en 3D, Casperolota Atelier, Cuire Acuarelas, Acontravento, Egretta Biloba e Coas Mans Artesanía formarán parte da feira, que estará aberta o sábado en horario de 11.00 a 14.30 horas e de 16.30 a 20.00 horas.

Ás 11.30 horas, Os QuinQuilláns darán comezo á súa ruada rosaliana, unha ruta teatralizada que percorrerá diferentes lugares da cidade.

Pandeireteiras, regueifas e recitais
Ás 12.00 horas do sábado, celebrarase o obradoiro de regueifa para familias e unha mostra de improvisación, a cargo de Regueifa Tour e coa participación de Manolo Maseda e Séchu Sende, do proxecto Regueifesta. Ás 13.45 horas, a sesión Vermú correrá a cargo do Coro Encaixe.

A praza de Mazarelos recibirá ás 17.00 horas Somos pandereiteiras, proxecto promovido por Mercedes Peón e composto por tres grupos de pandereiteiras: Raigañas de Cerqueda (Malpica de Bergantiños), Xirifeiras (Fene) e a Asociación Cultural Rosalía de Castro (Padrón), que reflexionarán sobre outras formas de vivir a música desde a sororidade e coa convicción de crear o novo relato da existencia como tocadoras.

Ás 18.30 horas, haberá un recital poético con Anxo Angueira, Nuria Vil e Andrea Nunes e xa ás 20.00 horas, o Teatro Principal pechará o sábado co concerto da formación Tres Pesos, integrada por Felisa Segade, Xoán Porto e Xosé Antón Ferreira.

A xornada do domingo
O domingo 23, a feira –para non solaparse coa manifestación convocada ás 12.00 horas na Alameda por Queremos Galego– abrirá ás súas portas ás 13.30 horas e a sesión vermú será ás 14.00 horas da man de Clo Plas, proxecto performativo de Berio Molina e Xiana Arias que mestura a oralidade da montaña de Lugo coa música experimental e o midi. Xa pola tarde, ás 16.00 horas, celebrarase en Mazarelos o Quizz Rosaliano, un xogo para toda a familia arredor da figura de Rosalía de Castro.

Rafa Fernández, Lara Dopazo e Iván Torres actuarán ás 17.00 horas tamén en Mazarelos coa súa proposta Rosalía de Castro, como cor de ouro pálido. Neste proxecto a poesía rosaliano serve de nexo de unión para a música a videocreación ao vivo e a poesía.

O Colexio Maior de Santo Agostiño será o escenario escollido para o espectáculo A primavera vai chegar, un diálogo a tres voces con Faia Díaz, Paula Romero e Inés Salvado. Esta proposta, que tamén implica a unión de poesía e música, desenvolverase en dúas quendas (16.00 e 17.15 h) entre as pedras de Santo Agostiño, por tratarse da antiga sede do Liceo no que participou Rosalía na súa mocidade. A obra de teatro para o público familiar Rosalía, protagonizada por Rocío González e Cris Collazo baixo a dirección de Fina Calleja, poralle o ramo ao Festival Rosalía ás 18.30 horas no Teatro Principal.

Outros artigos

Mar remata as obras de construción do peirao interior de Muros

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investiu 460.000 euros na reconstrución dun tramo do peirao interior da dársena de Muros (A Coruña). A titular do departamento autonómico, Marta Villaverde, visitou na mañá deste mércores 10 de xuño as obras que se...

+

ADEGA di que maquinaria pesada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...