O Concello de Ribeira comparte as bases do Festival de Murgas e Comparsas e dos concursos de disfraces do Entroido

06 Febreiro 2025

A concelleira de Cultura de Ribeira, Antía Alberte, e co técnico Unai González presentaron este xoves 6 de febreiro as bases do Festival de Murgas e o Concurso de Disfraces do Entroido 2024 que sairá publicadas no Boletín Oficial da Provincia nos vindeiros días e que teñen o obxectivo de fomentar a creatividade entre a veciñanza de Ribeira e, tamén, doutros concellos da contorna. Indicaron que o tradicional Desfile e Concurso de Murgas e Comparsas será o vindeiro domingo 2 de marzo pola tarde. “Trátase dun evento que conta con gran aceptación popular e participación do tecido asociativo polo que agardamos que así sexa tamén nesta edición na que ademais repartiremos 6.000 euros entre premios e gratificacións”, sinalaron.

Explicaron tamén que a data límite para que as charangas (murgas) e comparsas interesadas se inscriban nesta convocatoria será o xoves 20 de febreiro, antes das 13:00 h, presentando a ficha de participación e toda a documentación no Rexistro do Concello de forma presencial ou telemática a través da sede electrónica segundo corresponda.

Para unha mellor organización e desenvolvemento do desfile e do concurso establécese un máximo de 12 murgas participantes na categoría adulta, 6 na categoría infantil e 6 comparsas. E no caso de recibírense máis solicitudes, serán seleccionadas pola organización tendo en conta en primeiro lugar a antigüidade de participación neste evento e en segundo lugar a data e número de rexistro da súa inscrición no festival.

Todas as charangas e comparsas deberán participar no desfile polas rúas de Ribeira e unha vez rematado, comezará o festival no escenario que se habilitará para tal fin nunha carpa que estará instalada na praza de Pontevedra.

No festival actuarán en primeiro lugar as comparsas e charangas infantís. E posteriormente comezará a fase de concurso na que só participará a categoría de Murgas Adultas.

Como indican as bases as letras das murgas (infantil e adulta) deberán ter unha extensión máxima de 2 cancións, non superiores no seu conxunto a 80 versos, nin dunha duración total superior a 12 minutos, quedando excluídas aquelas actuacións que superen esta duración. As letras deberán ser de creación propia e promoverase o uso da lingua galega, feito que será de especial valoración por parte do xurado no momento da súa deliberación.

Para as comparsas, a duración máxima dos bailes non poderá ser superior aos 10 minutos.

Ao remate do Festival procederase á entrega dos premios (na categoría de Murgas Adultas) así como as gratificacións ao resto de murgas e comparsas participantes.

Como se indicou ao comezo, establécese a contía total de 6.000 € para o festival. Só por participar as murgas e comparsas recibirán unha gratificación de 200 €, que poderá chegar a 299 € no caso de que a mesma asociación/entidade participe en dúas categorías distintas.

En canto aos premios para as murgas adultas da fase do concurso, haberá como sempre tres premios, dotados de 1000 € o primeiro premio, 600 € o segundo premio e 400 € o terceiro premio, pero tamén creouse nesta ocasión un premio especial para a mellor charanga local con 800 € que se entregaría no caso de que ningunha murga adulta do municipio de Ribeira acadase o primeiro premio; este galardón entregaráselle á agrupación local que obtivese a maior puntuación.

A outra proposta que avanzaron Alberte e González é o Concurso de Disfraces de Entroido que, segundo fixeron saber, este ano vén con novidades. Por unha banda celebrarase o concurso de disfraces na modalidade infantil, para nenas e nenos menores de 18 anos, con premios cun importe de 500 € e que se celebrará o martes 4 de marzo pola tarde no marco da festa infantil de Entroido. Todas as persoas participantes no concurso deberán desfilar na pasarela que se organizará en dita festa infantil e enviar unha fotografía do participante disfrazado (sacada no momento do desfile na pasarela) ao enderezo electrónico comercio@ribeira.gal. Neste correo electrónico deberanse indicar os seguintes datos persoais: nome e apelidos do participante, teléfono de contacto e achegar copia do DNI do pai/nai/titor do participante. Esta imaxe será a empregada para a deliberación do xurado, cedendo o dereito da imaxe ao Concello de Ribeira.

O prazo para remitir os datos solicitados así como a fotografía dos participantes desfilando é o seguinte: dende o martes 4 de marzo no momento de realizarse o desfile ata o luns 10 de marzo ás 23:59 h.

Outorgaranse cinco premios valorados en 100 euros cada un, distribuídos en bonos para mercar no comercio local.

E por outra banda organizarase o concurso na modalidade de adultos, que contará con novas categorías e que como novidade estará en funcionamento dende o venres 28 de febreiro ás 12:00 h ata o mércores 5 de marzo ás 22:00 h. “É dicir”, sinalaron, “o concurso non se vai desenvolver nunha soa xornada como ata agora, senón que estará activo ao longo de todo o Entroido, para que todas as persoas que se disfracen poidan optar a participar e levar algún dos premios”.

O concurso na modalidade de adultos outorga premios distribuídos en catro categorías.

INDIVIDUAL

1o PREMIO: 150 €

2o PREMIO: 75 €

3o PREMIO: 50 €

PARELLA/TRÍO (mínimo dúas persoas, máximo tres)

1o PREMIO: 250 €

2o PREMIO: 150 €

3o PREMIO: 100 €

GRUPO (mínimo de catro persoas)

1o PREMIO: 425€

2o PREMIO: 250€3o PREMIO: 150 €

Ademais, este ano créase unha nova categoría de ENTERRO DO FELIPE cos seguintes premios:

a)Premio individual ao mellor disfrace de chorón/chorona: 100 €

b)Premio ao grupo máis numeroso de choróns/choronas : 300 €

A mecánica de funcionamento deste concurso será a mesma dos anos pasados. As persoas ou grupo de persoas maiores de idade que desexen participar deberán acudir disfrazados a algún dos locais hostaleiros adscritos a este certame e solicitar unha tarxeta de participación. Os participantes nas categorías individual, parella/trío ou grupo, deberán selar esta tarxeta ao menos en tres dos locais participantes para que sexa válida e sacar a fotografía do disfrace diante ou nun destes locais participantes.

Todos os participantes no concurso, independentemente da categoría na que participen, deberán enviar a imaxe da tarxeta cuberta e a fotografía do disfrace ao enderezo electrónico comercio@ribeira.gal.

Pola súa banda, os participantes na categoría enterro do Felipe deberán facer unha fotografía durante o desfile do Enterro do Felipe en Ribeira ou calquera outra parroquia do municipio que celebre este evento, enviala ao enderezo electrónico comercio@ribeira.gal. Neste correo electrónico deberanse indicar os seguintes datos persoais: nome e apelidos do participante, teléfono de contacto e achegar copia do DNI do participante para a categoría individual e do representante para a categoría grupal.

O prazo para remitir a fotografía por correo electrónico así como os datos indicados e a tarxeta selada é o mesmo para todas as categorías, comezando o venres 28 de febreiro ás 12:00 h (momento no que comeza o concurso) e podendo facelo ata o luns 10 de marzo ás 23:59 h.

Dende o Concello queren destacar tamén que “para o desenvolvemento deste concurso na modalidade de adultos precísase da colaboración dos locais hostaleiros da cidade polo que aqueles establecementos que queiran participar deberán inscribirse no enderezo electrónico comercio@ribeira.gal ou no telf. 686 58 70 00 a partir da data de publicación dos concursos no Boletín oficial da Provincia (BOP) e como data límite ata xoves 20 de febreiro de 2025 ás 23:59 h”.

Aos locais participantes entregaránselle tarxetas coa ruta dos distintos locais hostaleiros que deberán entregar aos clientes que desexen concursar. Esta tarxeta deberanlla selar/asinar aos concursantes en cada establecemento participante en que o soliciten.

As bases completas destes concursos así como do Festival de Murgas e Comparsas estarán colgadas na páxina web municipal (ribeira.gal).

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“La tiranía de no intentarlo”. José Antonio Constenla

“La tiranía de no intentarlo”. José Antonio Constenla

Tras el varapalo del último informe PISA, que sitúa a los alumnos españolespor debajo de la media de los países miembros de la OCDE en matemáticas,lectura y ciencias, lo que muestra un importante retroceso respecto a losniveles de hace una década, alguien debería...

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

En 1969 Laurence J. Peter formuló el principio que lleva su nombre según el cual, enuna estructura jerárquica, los empleados llegan al nivel de incompetencia cuando sonascendidos a puestos para los que ya no están capacitados. El pedagogo canadienseformuló su teoría...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.