O Concello de Boiro colabora cos centros de ensino do municipio e a comunidade educativa nunha nova edición de Espazo Familias que desta volta pon o foco nos límites do acompañamento aos menores. A primeira das xornadas terá lugar este venres 31 de xaneiro ás 18.00 horas no IES Praia Barraña.
Espazo Familias nace no curso 2018-2019 nos centros de ensino do municipio co obxectivo de “dar resposta ás inquedanzas e dúbidas das familias do alumnado, creando momentos de reflexión e formación sobre temáticas que tanto profesorado como familias consideran de necesidade e interese segundo a realidade diaria”.
A formación desta nova entrega presentase como un curso para familias repartido en tres sesións de dúas horas. A primeira das sesións será cos expertos, a segunda con grupos de traballo e a terceira será un espazo de faladoiro (tertulia). As relatoras desta edición serán dúas expertas en preservación familiar; Carolina Maneiro, licenciada en psicoloxía que traballa nun Espazo de Preservación Familiar orientado á protección e promoción da infancia e da adolescencia; e Rocío Rey, experta en accesibilidade cognitiva e facilitadora procesal que traballa como técnica de intervención familiar nun espazo de preservación familiar.
Ademais as sesión incluirán actividades paralelas para a rapazada con Jaime Bello, educador social do Concello de Boiro con experiencia no traballo coa adolescencia en educación non formal; e Alba Pérez, educadora social á fronte dun proxecto socioeducativo, EXERIA, e especialista en investigación e intervención social.
As sesións terán lugar no IES Praia Barraña os días 31 de xaneiro, 21 de marzo e 25 de abril de 18.00 a 20.00 horas.




