Ampliada a alerta vermella por temporal costeiro este luns ao suroeste da Coruña e ao litoral de Pontevedra

26 Xaneiro 2025

A Xunta vén de ampliar a alerta vermella por temporal costeiro para mañá ao suroeste da Coruña e ao litoral da provincia de Pontevedra, que xa se activara para esta tarde no noroeste e oeste da costa coruñesa e que continuará na xornada de mañá.

Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), a alerta vermella estará activa desde esta tarde no noroeste e oeste da Coruña por mar combinada con ondas de ata 12 metros e prolongándose ata primeiras horas do martes, 28 de xaneiro, mentres que no suroeste da Coruña e o litoral de Pontevedra prevese que o temporal costeiro de nivel vermello comece no mediodía de mañá estendéndose tamén ata o martes por mar combinada con ondas de ata 10 metros. Estas zonas permanecerán ata mañá ao mediodía en alerta laranxa e desde ese momento pasarán a vermella e quedará só en nivel laranxa a Mariña lucense por ventos de forza 8 e mar combinada do oeste-noroeste con ondas de ata sete metros.

Cómpre lembrar que na xornada de hoxe mantense activa a alerta laranxa por rachas de ventos de 100 quilómetros por hora de sur-suroeste na Mariña lucense e no noroeste da Coruña, que tamén se estendeu ao oeste e ao interior da provincia coruñesa.

O nivel de aviso tamén é laranxa nesta xornada no interior e suroeste da Coruña; no noroeste, sur e na zona de montaña de Ourense; e en toda a provincia de Pontevedra por precipitacións acumuladas de 80 milímetros en 12 horas que poden acadar os 100 litros en 24 horas.

Debido ás últimas actualizacións dos partes meteorolóxicos dos distintos organismos predictores, a Secretaría Xeral para o Deporte da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes informou da suspensión durante toda a xornada de hoxe da actividade deportiva federada e do programa Xogade no exterior de 15 concellos da Mariña lucense e en 38 do noroeste da Coruña pola alerta laranxa por vento. Tamén está suspendida desde este mediodía en 33 concellos do litoral de Pontevedra; 22 concellos do  oeste e suroeste da provincia da Coruña; así como 19 concellos da montaña de Ourense. Os concellos afectados poden consultarse no mapa de zonas climáticas de MeteoGalicia.

Ademais, polo fenómeno adverso por temporal costeiro cancelouse tanto hoxe como na xornada de mañá a actividade deportiva federada no mar en toda Galicia.

De cara a reducir riscos pola alerta vermella, a Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén non saír a navegar, pescar ou practicar deportes náuticos, así como que se respecten os cordóns de seguridade e as indicacións dos axentes e se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Ademais, sinálase a importancia de retirar os obxectos que poidan caer á rúa desde os tellados, balcóns e fiestras, e evitar pasar preto de edificios en ruínas ou en construción, de árbores, de paneis publicitarios e de obxectos susceptibles de desprazarse con vento.

Ante as fortes chuvias recoméndase circular con precaución e informarse antes do estado das estradas, non atravesar zonas inundadas ou que poidan chegar a asolagarse e non aparcar nas ribeiras dos ríos.

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.

Outros artigos

Mar remata as obras de construción do peirao interior de Muros

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investiu 460.000 euros na reconstrución dun tramo do peirao interior da dársena de Muros (A Coruña). A titular do departamento autonómico, Marta Villaverde, visitou na mañá deste mércores 10 de xuño as obras que se...

+

ADEGA di que maquinaria pesada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...