Ribeira reivindica o respecto á diversidade con cancións compostas pola rapazada dos colexios: Di-Versos

21 Xaneiro 2025

Co obxectivo de reflectir e atender a realidade social actual de Ribeira e do noso contexto global (unha realidade marcada polo incremento da inmigración internacional, os cambios xeracionais, a maior esperanza de vida ou a defensa e reivindicación das diversidades sexuais) a área de Servizos Sociais do Concello de Ribeira impulsou unha proposta de creatividade aberta á participación da rapazada: trátase de Di-Versos, cancións para a diversidade, un obradoiro pioneiro de composicións musicais co-impulsado polo creador e docente Fernando Pérez. Foi presentado este luns 22 de xaneiro no CEIP de Frións e contouse coa presenza do director do obradoiro e da concelleira de Igualdade, Cruz Rivadulla, a concelleira de Servizos Municipais, Tania Redondo, a directora do CEIP de Frións, Josefa Otero, o docente Luis Teira, a coordinadora dos Servizos Sociais do concello, Francisca Vidal.

Fernando Pérez explicou os obradoiros: “Trátase de levar as cancións aos coles; de que a rapazada vexa como se crea unha canción. A temática é a da diversidade porque consideramos interesante mandar mensaxes a través das cancións e sobre todo aos alumnos en idade escolar onde aínda se están a formar como persoas e creemos que este tipo de valores deben de acompañalos durante o resto da súa traxectoria vital”.

Pérez tamén comentou que a letra das cancións está escrita polos alumnos do obradoiro, baixo pequenas indicacións do mesmo.

En concreto, os obxectivos son “favorecer a perspectiva da diversidade como factor fundamental para a mellora da calidade de vida e achegando a través de Di-Versos un innovador proxecto de intervención educativa comunitaria, como acción orientada a contribuír e impulsar accións encamiñadas á prevención de hábitos e crenzas discriminatorias, insolidarias ou violentas”.

Neste programa proponse a participación dunha aula de terceiro ciclo de cada centro educativo de ensino primario do concello de Ribeira, na que os/as alumnos/as compoñerán, interpretarán e gravarán unha canción (co asesoramento e acompañamento dun profesional), relativa a calquera tipo de diversidade, sexa cultural ou natural, promovendo valores como: xustiza, liberdade, igualdade, equidade, comprensión, respecto e/ou apoio mutuo. Cada composición será tamén inserida nun vídeo no que apareza subtitulada a letra e no que, na súa elaboración, debe colaborar o centro de ensino co profesional que imparte e monitoriza a actividade, así como na súa posterior divulgación nas webs e redes do centro e do concello.

As actividades realizaranse principalmente no primeiro trimestre do ano 2025 e irán orientadas especialmente a alumnos/as do 3º ciclo de primaria, sendo decisión do centro a elección do grupo/aula a participar.

Xa está confirmada a participación de CEIP Pluriligüe Frións, o CEIP Heroínas de Sálvora de Aguiño, o CEIP de Olveira, o CEIP Pluriligüe O Grupo de Ribeira, o CEP Plurilingüe de Carreira, o CEIP Pluriligüe de Artes, o Colexio Galaxia de Ribeira, o Colexio A Milagrosa de Oleiros, o Colexio Sagrado Corazón de Castiñeiras e o Colexio Bayón de Ribeira. Participarán máis de 250 rapaces e rapazas do 3º ciclo de primaria dos centros participantes.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Axúdanlles moito máis aos estranxeiros que ás familias humildes da zona”. Observo como unha muller inmigrante, entregaba un cupón de alimentos, e saía do supermercado con dous carros repletos de comida, mentres que a unha veciña, sen apenas recursos, só lle dan unha...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.