
Este luns 20 de xaneiro celebrouse en Ribeira a presentación do espectáculo a prol diversidade sexual que se engloba dentro da campaña Liberdade de ser e de sentir que a Deputación da Coruña deseñou para o pasado 28 de xuño. a función, acompañada dun faladoiro, será o vindeiro venres 24 ás 20:30 h no novo Auditorio Municipal de Ribeira.
Á presentación acudiron a concelleira de Educación Cruz Rivadulla xunto coa nova asesora legal do CIM (Centro de Información á Muller de Ribeira), Manoli Parente, que está substituíndo unha baixa da titular.
Rivadulla puxo en valor esta creación artística que afonda na diversidade sexual e a súa problemática ante o actual contexto de regresión.
Menu-do Día serve un corpo queer en escena (vivir sen identificarse con categorías tradicionais con respecto á sexualidade), sen máis artificio, xa que estar presentes é ser existentes. Un corpo que se converte nun crash-dummy, un boneco de proba-erro para medir a dureza das carrocerías dos coches, pero a través de experiencias vitais, da violencia que predomina na nosa sociedade e dos discursos de odio provocados polas políticas ditadas por partidos extremistas.
En Menu-do día, o ColectivoCBV #ChamizoBelloVila tece unha historia que confronta odio e ledicia, escuridade e luz, tristura e aceptación, para revelarse dende a resiliencia nunha festa pola diversidade.
O proxecto xorde para sandar as feridas provocadas en Alberte Bello, performer, tras recibir unha malleira en 2021, ao berro de “maricón de merda”. Alberte Bello percorre o corredor da vergoña, envolto en fraxilidade. Mentres os discursos de odio contra o colectivo LGTBIQ+ resoan na súa cabeza.




