Este xoves 16 de xaneiro comezan en Pontedeume as representacións da obra Menú-do día, unha actividade que forma parte da programación da campaña Liberdade de ser e sentir que cada ano promove cada ano a área de igualdade da Deputación da Coruña, liderada pola deputada outense Soledad Agra, con motivo do 28 de xuño, Día da Diversidade Sexual.
Despois de Pontedeume, onde a obra terá lugar ás 19:30h na Casa da Cultura, continuará en Cedeira o venres 17 ás 19:30h no Auditorio Municipal; o sábado 18 ás 19h en Arzúa, na Capela da Madanela e o venres 24 de xaneiro ás 20:30h no Novo Auditorio de Ribeira. Tralas representacións, haberá un faladoiro a cargo da Asociación Alas A Coruña, para afondar nalgunhas das cuestións que trata a obra, como a desinformación, o odio ou os prexuízos.
Menú-do día é unha obra de teatro performativa do #ColectivoCBV que xira entorno á pegada inesquecíbel que deixa a violencia nos nosos corpos. O proxecto xorde para sandar as feridas provocadas en Alberte Bello, performer, tras recibir unha malleira en 2021, ao berro de “maricón de merda”.
Alberte Bello percorre o corredor da vergoña, envolto en fraxilidade. Mentres os discursos de odio contra o colectivo LGTBIQ+ resoan na súa cabeza. En Menú-do día, o #ColectivoCBV tece unha historia que confronta odio e disidencia, escuridade e luz, tristura e aceptación. A primeira creación deste colectivo de artistas transita entre as violencias continuadas que sofre o colectivo LGTBIQ+. Xuntos, tentan amosar unha nova realidade posíbel, dende a disidencia e o activismo, capaz de romper a norma e creando unha sociedade máis avanzada, máis inclusiva e máis real.




