
Este mércores, 14 de outubro, tivo lugar no Auditorio de Rianxo a primeira xornada da IX Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo, organizada pola Asociación Cultural Mares da Fin do Mundo e patrocinada pola Deputación da Coruña e o Concello de Rianxo. Trátase dun evento comprometido co medio mariño e o sector pesqueiro, que procura “xerar conciencia sobre a necesidade de coidar o mar coma un dos recursos naturais
máis valiosos que temos”.
A inauguración oficial celebrouse ás 17:00 h nun acto celebrado na Sala Arcos Moldes do Auditorio de Rianxo. Durante o acto inaugural tomaron a palabra Marcos Gallego (director da Mostra) e Julián Bustelo (alcalde de Rianxo), mostrando o orgullo que representa para o Concello de Rianxo acoller un evento coma a Mostra MDFDM e desexando que esta presencia teña continuidade en futuras edicións.
De seguido, proxectouse o filme inaugural desta IX edición de Mares da Fin do Mundo: Fomos Ficando Sós, de Adrián Canoura (España, Galicia, 2025). Unha
obra profundamente vinculada a Rianxo e á poesía de Manuel Antonio, xa que o título nace precisamente dun dos poemas de De catro a catro e, ao igual que o poemario, achéganos á soidade e á dureza do traballo no mar.

Canoura convídanos a unha viaxe íntima e persoal a través da súa vida, marcada polas tempadas de ausencia do seu pai, patrón de pesca de altura. Nesta travesía descubrimos anacos de realidade gravados dende finais dos anos 80 ata a experiencia do propio director, en 2024, como acompañante nunha campaña no Gran Sol. Un percorrido pola memoria que trata de encher os ocos deixados polos momentos que pai e fillo viviron separados. A presentación do filme correu a cargo do director Adrián Canoura quen, ao seu remate, participou xunto con Brais Romero (produtor) nun coloquio co público asistente.
A continuación proxectouse a primeira sesión da sección Proa, na que se programan filmes e cineastas que traballan na vangarda do cinema da realidade. A obra en cuestión foi Austral, de Benjamin Colaux (Bélxica, Francia, 2022), un filme que nos traslada ás tristemente célebres illas do extremo sur de Chile onde tres homes se enfrontan ao mar do sur e aos seus perigos, deixando atrás ás súas familias para atoparse con pescadores illados, cos que coinciden na importancia de perpetuar unha profesión e unha forma de vida ameazada coa extinción.

Todas as actividades e proxeccións desta primeira xornada enmarcáronse na campaña da Comisión Europea coa que colabora a IX Mostra MDFDM 2026, “Día Marítimo Europeo no Meu País”, sendo este un dos únicos tres eventos que se celebran en Galicia baixo esta marca.
A pesares de que IX MDFDM comezou oficialmente o mércores 14 ás 17:00 h, celebráronse unha serie de proxeccións previas dirixidas á rapazada e á mocidade de Rianxo nas mañás do martes e do mércores. A rapazada dos CEIP Afonso Rodríguez Castelao, CEIP Ana María Diéguez e CEP Brea Segade tiveron ocasión de gozar por segundo ano consecutivo da Sección Infantil, pensada co obxecto de espertar curiosidade e pensamento crítico ao redor do cinema. Pola súa banda, a mocidade do IES Félix Muriel gozo da oportunidade de asistir á estrea da Sección Xuvenil, na que puideron desfrutar de dúas proxeccións que trasladan a necesidade de preservar e transmitir o patrimonio natural e cultural vinculado ao mar.

Ao longo da mostra proxectaranse un total de corenta obras que representan a dezanove nacionalidades distintas e múltiples linguas (con subtítulos en galego), permitindo achegar aos espectadores á realidade de diversas zonas costeiras da xeografía mundial. Ademais do cinema, as persoas interesadas poderán asistir a diversas actividades paralelas como son Mares Diversos, coa asociación Amicos, e o roteiro divulgativo Achegamento ao marisqueo a pé, da man da Agrupación de Mariscadoras a pé da Confraría Virxe do Carme de Rianxo, que se celebrarán o xoves pola mañá. O sábado pola mañá terá lugar Facendo un novo sancosmeiro en Astilleros Catoira, unha iniciativa de recuperación do sancosmeiro, unha embarcación tradicional da ría de Muros Noia. O domingo pola mañá, xa no Auditorio, será a habitual Mesa da Pesca Sostible baixo o título Restaurando o mar: compromiso azul. A mesa estará moderada
por Javier García Galdo (biólogo mariño) e contará coa participación de Pedro Cendón (biólogo da Fundación Amicos) e Manuel A. Reiriz (presidente da Asociación de Percebeiros de Aguiño).
O público terá oportunidade tamén de gozar de saídas de navegación tradicional (previa reserva) planificadas para venres, sábado e domingo pola mañá, onde, en colaboración con Bluscus Galicia Marinera, as persoas interesadas poderán percorrer as augas da ría de Arousa a bordo do balandro Santa Cruz.
MDFDM 2026 rematará o domingo coa entrega dos trofeos desta IX edición. Os trofeos oficiais da Mostra serán os “Faros”, deseñados e elaborados pola Asociación Pro Saúde Mental A Creba, que representan o proxector cinematográfico, que co seu feixe de luz amosa novos mundos a través das imaxes. O Xurado Oficial, composto por Ana Domíngez, Antón Caeiro e Guillermo F. Flórez, será o encargado de outorgar o Premio á Mellor Película. Pola súa banda, o público será o encargado de decidir o Premio do Públio e Premio do Público á Mellor Película Galega mediante votación.
A Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo está organizada pola Asociación Cultural Mares da Fin do Mundo, coa colaboración na dirección e produción de ABA Films e o apoio, entre outros, da Deputación da Coruña e o Concello de Rianxo. Así mesmo, MDFDM forma parte de Proxecta (Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, integrada na federación estatal Pantalla).



