A Deputación forma os docentes para abordar a memoria histórica nas aulas

19 Xaneiro 2025

Este sábado 18 de xaneiro celebrouse no Centro Sociocultural Maruxa e Coralia, de Santiago de Compostela, a xornada Fai memoria, que, como se indicou no seu nome, serviu para compartir recursos dirixidos a investigar no pasado e, sobre todo, a desvelar os nomes e feitos que ficaron ocultos por décadas de ditadura e gobernos contrarios a reescribir a historia imposta polo bando vencedor da Guerra Civil. A xornada, organizada pola área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña, ofreceu aos docentes ferramentas coas que abordar a memoria histórica nas aulas.

Inaugurouna a titular do departamento, a outense Sol Agra, quen sinalou “o deber” da súa área de goberno “de promover actividades que axuden a mellorar a sociedade e que reforcen os valores de convivencia, liberdade e igualdade”.

Fai memoria, coordinada pola xornalista e escritora Eva Mejuto, naceu con dous obxectivos fundamentais, segundo explicou Agra: “Por un lado, para dotar de recursos, ideas de iniciativas e propostas de actuación que se poidan aplicar nos centros educativos, para aquel profesorado que sexa sensíbel á necesidade de traballar co alumnado aspectos e persoas da nosa historia que se invisibilizaron”.  “E por outro”, engadiu, “para crear un espazo de encontro onde partillar inquedanzas, iniciativas e tamén preocupacións ó respecto dos temas que aquí imos tratar”.

A deputada compartiu a decisión do seu departamento de organizar a xornada “arredor de tres preocupacións fundamentais: a carencia de contido docente para tratar a memoria democrática nas aulas; o branqueamento que se está a facer en algúns contidos educativos de partes da nosa historia e a invisibilización e mesmo deturpación da historia de persoas, nomeadamente mulleres, que deberían ser postas en valor nas aulas para que sirvan de referentes ás novas xeracións”.

Engadiu que “asistimos con moita preocupación á deriva social de intransixencia, discursos de odio, movementos racistas, homófobos, LGTBIfóbicos e fascistas, que ocupan algúns discursos políticos e que se trasladan ós medios, ás redes sociais, ás actitudes e opinións de, cada vez, máis xente moza, e de aí ás aulas, onde moitos docentes se atopan sós, sen apoio, sen recursos e sen estratexias para facerlles fronte”, denunciou Agra.

A xornada tratou a memoria desde moitos ámbitos, con especial protagonismo da poesía, o teatro, o ensaio, a novela e o álbum ilustrado. Os relatorios, que remataron a última hora da tarde, reuniron no Centro Maruxa e Coralia a destacados nomes da literatura, a docencia e a investigación, como Pilar Sampedro, Paula Carballeira, Iria Morgade, Carme Vidal, Susana Aríns, Carme García Facorro, Javier Castiñeira García, Daniela Ferrández, Cristina López Villar, Montse Fajardo, Beatriz Maceda e Eli Ríos.

O programa incluíu unha mesa de experiencia de memoria nas aulas, na que explicarán os seus proxectos o IES Xosé Neira Vilas da Coruña, o IES Sánchez Cantón de Pontevedra mais a asociación cultural coruñesa Alexandre Bóveda; e unha ruta pola memoria das mulleres en Compostela, conducida por Encarna Otero.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.