O Colexio de Educación Infantil e Primaria de Louro (Muros) vén de proclamarse gañador dos premios educativos InnovaGal da Xunta de Galicia, que distinguen as boas iniciativas no ámbito da innovación educativa, polo seu proxecto Petrotéxtiles, unha proposta que reivindica o patrimonio arqueolóxico de Louro, cunha parte tecnolóxica importante e a implicación das mulleres costureiras.
“Unha mostra máis do compromiso coa innovación educativa do CEIP de Louro e un motivo de orgullo para Muros e para os centros de menor tamaño que apostan pola calidade e a creatividade”, asegurou a alcaldesa, María Lago, que destaca “a importancia das escolas do rural no ensino público”.
A concelleira de Ensino, Laura Rivadeneira, trasladou os seus parabéns “a toda a comunidade educativa do centro, dirección, profesorado e alumnado, pola importancia de gañar o premio cun proxecto vinculado á vida de Louro, un proxecto coa nosa xente que fala do noso”.
O primeiro premio ten unha dotación de 10.000 euros e o proxecto Petrotéxtiles xa obtivo recentemente outro galardón das Bibliotecas Escolares de Galicia.
A Xunta destacou que o proxecto do Colexio CEIP Plurilingüe de Louro “integra tecnoloxía, patrimonio e arte a través dun traballo colaborativo e comunitario, fomentando a curiosidade, as vocacións científicas e a solidariedade”. Esta proposta interdisciplinar, engadiu o xurado, “permite coñecer a prehistoria de Galicia, combinando tecnoloxía, electrónica e técnicas de costura”.
InnovaGal ten o obxectivo de impulsar o desenvolvemento de novas propostas educativas, así como crear unha rede de colaboración para fomentar a formación continua do profesorado. Ademais, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP pretende poñer en valor o papel da comunidade educativa como motor de transformación social.
Na categoría A, que inclúe Infantil, Primaria, Educación Especial e colexios rurais agrupados, os galardóns son para o Colexio CEIP Plurilingüe de Louro (Muros), que acada o primeiro premio; o Colexio CEIP Mestre Martínez Alonso (Mos), que logra o segundo; o Colexio CEIP de Prácticas López Ferreiro (Santiago de Compostela), que obteu o terceiro, e o Colexio CEIP da Torre-Illa (A Illa de Arousa), que consegue o accesit.
Na categoría B, destinada a centros públicos integrados, institutos e centros de educación e promoción de adultos, os premios son para o Instituto IES Plurilingüe Rafael Dieste co primeiro premio, o Instituto IES de Beade co segundo galardón e o Instituto IES Xograr Afonso Gómez de Sarria co terceiro premio. A mención de honra recae no CPI Plurilingüe da Picota de Mazaricos.




