O vindeiro sábado 28 de decembro celebrarase na Serra, ás 19:00 da tarde, a inauguración da exposición 90 anos ao servizo de Outes sobre a botica tradicional fundada por Juan Gómez Barreiro. Poderemos visitala até o 31 de xaneiro.
A Farmacia Gómez da Serra celebra neste remate do ano os seus 90 anos de historia e o Concello (Área de Cultura) e a cidadanía non quixeron deixar pasar a oportunidade de celebralo e agradecer á familia a súa contribución ao desenvolvemento de Outes e á saúde da veciñanza durante este case século de andaina. O seu fundador foi Juan Gómez Barreño, fundador desta botica en 1934, e a súa sucesora foi a súa filla Deolinda Gómez Molinos, estando logo a botica en mans de Miguel Ángel Marañón Gómez, membro da terceira xeración de farmacéuticos da Serra.
O dispensario non só acubilla historias orais e escritas que documentan a evolución de Outes nas pasadas décadas, senón que é en si mesmo un museo da actividade farmacéutica, con mobiliario, aparellos e obxectos de uso común nas pasadas décadas e hoxe testemuñas de tempos pasados que nos axudan, como non podía ser doutro xeito, a comprender o noso presente.




