
O Tribunal Administrativo de Contratación Pública vén de desestimar o recurso interposto polo Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia e o recurso interposto pola Asociación Estatal de Entidades de Servizos de Atención a Domicilio contra os pregos de contratación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello de Boiro.
A Administración boirense convocou a licitación do contrato do Servizo de Axuda no Fogar por importe de 6.016.498,72 euros, publicado na Plataforma de Contratación do Sector Público. Tras o recurso presentado por Comisións Obreiras de Galicia e a Asociación Estatal de Entidades de Servizos de Atención a Domicilio o TACGAL acordou a medida cautelar de suspensión, sen afectación ao prazo concedido para a presentación de ofertas.
No día de hoxe o TACGAL vén de desestimar o recurso interposto polas dúas entidades contra os pregos da contratación así como levantar a suspensión acordada no seu día. Deste xeito, a licitación continúa o seu curso e o prazo de presentación de ofertas está aberto ata o 26 de decembro na Plataforma de Contratación do Sector Público.
“Esta resolución do TACGAL significa que se pode continuar co proceso de licitación e que este se resolva nos prazos inicialmente previstos. Isto vai permitir prestar o servizo do SAF aos veciños e veciñas de Boiro da mellor maneira posíbel, que é o que se busca coa licitación deste servizo”, informaron dende o Goberno local .



