A alcaldesa de Muros, María Lago, e a concelleira de Ensino, Laura Rivadeneira, acompañaron a semana pasada ao alumnado do IV Ciclo Universitario Democratización e Camiños de Coñecemento da Universidade de Santiago ao acto de clausura e entrega de diplomas, que se celebrou na Facultade de Medicina da Universidade compostelá. Despois da cita, o grupo desfrutou da obra de teatro Balas sobre Broadway, do grupo Carauta, no Teatro Principal de Santiago. Foi, en palabras do Concello, “unha xornada de confraternización na que houbo tamén tempo para unha visita polo casco antigo de Compostela.
“Para o noso equipo é moi importante que as persoas maiores teñan a oportunidade de acceder a actividades de índole formativa, máis alá dos tradicionais obradoiros”, asegurou a alcaldesa de Muros, María Lago, engadindo que “o meu desexo de que o alumnado siga medrando no coñecemento, máis alá da obtención de ningún título”. Pola súa banda, a edil Laura Rivadeneira salientou “a importancia que ten o Cuarto Ciclo para achegar a universidade ás vilas como Muros”. Co IV Ciclo Universitario, Muros acolleu este 2024 o programa formativo Camiños de Coñecemento e Experiencia. Proxecto de Democratización do Coñecemento. A axenda, que se desenvolveu na primavera, incluíu seminarios sobre as orixes do culto xacobeo, o patrimonio inmaterial galego e as propiedades das plantas medicinais presentas na nosa terra, ademais dun obradoiro práctico sobre ritmo e percusión e unha visita a Santiaguiño do Monte e a Igrexa de Santiago en Padrón.




