O Consistorio de Boiro acolleu este martes 26 de novembro a presentación oficial do Festiritititi 2024, a nova edición da festa inclusiva da asociación barbanzá Amicos, co apoio firme de JEALSA, o Concello boirense, a Xunta, e outras entidades e empresas da nosa comarca. O acto contou coa presenza da presidenta e da vicepresidenta de Amicos, Esther Vidal e Digna Iglesias respectivamente, a responsábel de centros da entidade, Pilar Sampedro, e o concelleiro de Servizos Sociais de Boiro, Raúl Treus. Tamén estiveron presentes a directora de Relacións Institucionais do Grupo JEALSA Margarita Hermo, e a integrante do Centro de Día de Amicos, Carolina Castro.

Carolina Castro foi a encargada de presentar os detalles da sétima edición do Festiritititi, que se celebrará o próximo martes, 3 de decembro, a partir das 11.00 horas no parque da Cachada de Boiro. Lembrou tamén que “no caso de que as condicións meteorolóxicas non sexan as máis idóneas, o evento trasladarase ao Pavillón de Barraña”. Asemade, animou á cidadanía a participar neste evento, co que a asociació celebra o Día Internacional das Persoas con Discapacidade, e no que xa está confirmada a asistencia dunha vintena de centros escolares, polo que se prevé superar o récord de participación acadado o ano pasado.
A continuación, a presidenta da entidade boirense quixo agradecer o apoio “da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia e de empresas como Gadis, Grupo Nosa, Fesba, McDonald’s Rías Baixas, e como non, o Grupo JEALSA, que leva apoiándonos desde a primeira edición”. Tamén destacou a gran importancia “dos Concellos de Padrón, Dodro, Rianxo, Noia, A Pobra do Caramiñal, Ribeira e, por suposto, ao de Boiro”, grazas aos que os máis de 1200 alumnos/as poderán asistir ao festival. Un agradecemento ao que se uniu Pilar Sampedro, responsábel de Centros da entidade.
A continuación, Margarita Hermo destacou que “o Festiritititi é un festival de integración, xogos, alegría e de compartir. Unha xornada na que tódalas persoas que están alí séntense parte dese festival”. Tamén recordou que “levamos xa sete anos apoiando este evento” e que “empezamos con tres colexios e agora xa son vinte, o percorrido foi moi bo; en total participaron 72 centros e 5.800 nenos e nenas, o xerme da nova sociedade que estamos construíndo entre todos”. Con respecto ao programa de RSC (Responsabilidades Social Corporativa) do Grupo JEALSA, incidiu en que “un dos eixos principais do noso programa We Sea é traballar nesa sociedade máis inclusiva, que sexa amable para todos, e Amicos é unha das alianzas que máis tempo levamos construíndo das que nos sentimos máis satisfeitos. Estamos felices de acompañalos e sentirnos parte desta grande familia, parabéns polo gran labor que está realizando e por tódolos proxectos que levaron a cabo nestes anos”.
Pola súa banda, Raúl Treus, o concelleiro de Política Social de Boiro, destacou que “o Festiritititi de Amicos estase convertendo cada ano case que nun festival internacional, e dende o Concello de Boiro estamos moi agradecidos por situar a Boiro no mapa. Aínda recordo ese 2021, que foi a primeira vez que fomos xogar ao Festiritititi, a aprender e a coñecer o que é a discapacidade, e máis concretamente, a inclusión”.
O concelleiro boirense continuou dicindo que “dende o Concello boirense sempre participaremos neste tipo de iniciativas, e quero agradecer a Amicos por ser unha entidade especial e pola súa forma única de facer as cousas, dende a amizade e o traballo; por esa capacidade de crear alianzas entre administracións públicas e empresas para permitir a promoción de distintas actividades, xerar emprego e dar a coñecer a integración e a discapacidade. Tamén a JEALSA pola súa colaboración continua con este tipo de iniciativas.”
Durante a comparecencia, incidiuse na historia do Festiritititi como un festival referente, apoiado na inclusión a través do xogo, aberto á participación de centros educativos, autoridades, familias e cidadanía en xeral…
O Festiritititi 2024 é posíbel grazas ao financiamento do Grupo JEALSA a través do seu programa We Sea, así como da colaboración da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, Gadis, Grupo Nosa, Fesba e McDonald’s Rías Baixas; e dos Concellos de Padrón, Dodro, Rianxo, Noia, A Pobra do Caramiñal, Ribeira e Boiro.



