O Concello de Boiro, mediante un convenio de colaboración, subvenciona as actuacións que se están a levar a cabo na novas instalacións do Club Náutico de Barraña, en Escarabote. O alcalde, José Ramón Romero, visitou este xoves 21 de novembro as actuacións xunto co presidente do Náutico, Jesús Babío, para coñecer como se están a desenvolver as obras.
Lembraron que o pasado verán o club estreou un edificio que dá cabida ás novas oficinas e vestiarios para mellorar a calidade dos servizos prestados ás persoas usuarias e tamén á escola de vela. Na actualidade estase a traballar no exterior para a mellora da contorna co pavimentado da zona de estacionamento e mariña seca.
O Concello de Boiro co-financia estas actuacións cunha subvención por importe de 125.000 euros e as dúas entidades pactan contraprestacións como uso de prazas de amarre para a embarcación do protección civil ou espazo para gardar o material de salvamento; así como prazas na escola de vela para familias vulnerábeis.




