Hoxe, xoves 14 de novembro, tiña lugar unha nova sesión no Campus de Emprendemento da Pobra do Caramiñal á que asistiron arredor de cincuenta estudantes de ciclos formativos da área de Automoción do CIFP Coroso, de Ribeira.

A concelleira da Promoción Económica, Amparo Cerecedo, e a responsábel da asistencia técnica do Coworking da Pobra, Fátima Rodríguez, encargáronse de recibir ao alumnado. Durante a benvida, a edil fixo fincapé nas oportunidades do autoemprego como opción de futuro no mundo laboral para as novas xeracións, pois “vós sodes esa semente para que concellos como o noso medre”. Neste senso, referiuse ao emprendemento como unha ferramenta para a fixación de poboación. Seguindo esta liña, cómpre sinalar que o centro de traballo colaborativo pobrense é de carácter municipal e
actualmente conta cunha alta ocupación: 16 persoas de diferentes lugares que están comezando aquí os seus negocios. Para que todo isto se materialice contan ao longo de todo o proceso con acompañamento técnico.
Engadir que nesta xornada aprenderon sobre estratexias de economía circular da man de Alba Fernández, responsábel do Coworking A Maceta, en Muros, para incorporar a sustentabilidade aos negocios. Asemade, estiveron en Chutin’s Garage, para coñecer a experiencia de Javier Fanjul, emprendedor asesorado no Coworking da Pobra. Fanjul abriu no 2024 o seu propio taller de detallado de vehículos na localidade.
Os campus vivenciais nacen como unha fórmula para promover o emprendemento entre o alumnado de centros educativos con obradoiros, charlas e visitas a empresas da comarca. Un valor engadido é a adaptación das actividades segundo o perfil e formación específica dos grupos.
O ciclo medio de Instalacións de Telecomunicacións do IES Espiñeira, de Boiro, pasará tamén polas instalacións pobrenses. Será no martes 19 de novembro, cun obradoiro sobre habilidades sociais para emprender da man de Verónica Rodríguez, socia da consultora Promove, ademais de asistir a Café con…, onde falarán con integrantes da cooperativa de marketing dixital Kracia.
Para rematar, dicir que o Coworking da Pobra foi creado en 2017 e consta de dous espazos: o Emprende, encamiñado a persoas emprendedoras que fagan uso desta prestación de maneira continuada; e o Nómades, dirixido a quen empregue o centro de xeito puntual. En 2022, formalizouse a integración na Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo.



