A Pobra do Caramiñal continúa dinamizando e divulgando o seu Coworking en formato de Campus de Emprendemento que contará neste mes de novembro coa participación do IES Espiñeira, de Boiro, e do CIFP Coroso, de Ribeira. Con esta iniciativa preténdese “promover o emprendemento entre o alumnado dos centros educativos con obradoiros, charlas e visitas a empresas da comarca do Barbanza, identificadas como referentes en boas prácticas de xestión empresarial”.

En palabras da concelleira de Promoción Económica da Pobra, Amparo Cerecedo, “estes campus vivenciais eríxense como unha ferramenta con moito potencial para amosar á mocidade o autoemprego como unha opción de futuro no mundo laboral. Queremos que coñezan exemplos reais de emprendedores locais e os servizos que pon á súa disposición a Administración local para facer realidade as ideas de negocio. De feito, o Coworking da Pobra conta actualmente cunha alta ocupación”.
Salienta tamén que un valor engadido destes campus vivenciais é a adaptación das actividades durante as visitas segundo o perfil de cada grupo e a súa formación específica para fomentar un emprendemento consciente a través dunha experiencia enriquecedora que combina coñecementos, inspiración e asesoramento para o autoemprego.
O alumnado de ciclos formativos da área de automoción do CIFP Coroso será o primeiro en pasar polas instalacións do centro de traballo colaborativo pobrense, concretamente, no xoves 14. Centrada nun obradoiro de emprendemento e economía circular, esta actividade será liderada por Alba Fernández, responsábel do Coworking A Maceta, en Muros, compartindo coñecementos e experiencias sobre o potencial do autoemprego e a sustentabilidade empresarial. Durante esta xornada, visitarán tamén Chutin’s Garage, onde Javier Fanjul, emprendedor asesorado no Coworking da Pobra, contaralles a súa experiencia de creación de negocio. Fanjul abriu en 2024 o seu propio taller de detallado de vehículos na localidade, sendo un exemplo para a xente nova que baralle o autoemprego como opción de futuro.
E, xa no martes 19, será a quenda do ciclo medio de Instalacións de Telecomunicacións do IES Espiñeira. Asistirán no Coworking a un obradoiro sobre habilidades sociais para emprender, impartido por Verónica Rodríguez, socia da consultora Promove. Incluirá tamén a actividade Café con…, onde membros da cooperativa de mercadotecnia dixital Kracia compartirán a súa experiencia emprendedora. Trátase dun café-coloquio que lles permitirá coñecer de primeira man o camiño que tomaron catro mozos e mozas da comarca cara a emprender no ámbito do marketing dixital.
Creado en 2017, o Coworking da Pobra consta de dous espazos: o Emprende, destinado a persoas emprendedoras que fagan uso desta prestación de maneira continuada, e o Nómades, dirixido a quen utilice o centro de xeito puntual. En 2022, formalizouse a integración na Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación da Coruña.



