O BNG acusa o PP de “levar o sector marisqueiro a unha situación terminal”

06 Novembro 2024

A portavoz de Pesca do BNG, Rosana Pérez,  acusou ao PP de empurrar ao sector marisqueiro a “unha situación terminal”  e de “levar anos traballando dende do Goberno da Xunta para entregar o mar ás empresas de acuicultura ou, literalmente, de engorde de peixes”, sinalou.

“Primeiro levan a unha situación extrema ao sector, fan insostíbel a súa actividade, e logo, cando a auga chega ao pescozo das empresas da cadea, entréganlla directamente”, afirmou.

Nunha interpelación ao titular de Mar, Alfonso Villares Bermúdez, a deputada nacionalista advertiu que tanto o sector marisqueiro como as propias empresas consideran “deficiente e ineficiente” a xestión da extracción de bivalvos que fai o PP na Xunta, “tal e como lle trasladaron ao propio conselleiro representantes da patronal nunha reunión da Comisión Mar Industria da Confederación de Empresarios de Galiza (CEG) celebrada no mes de xullo”.

A deputada nacionalista preguntou directamente ao conselleiro que vai facer para mellorar a súa xestión e pediulle “que aclare se está do lado do sector marisqueiro ou das empresas que se queren facer cos bancos marisqueiros”. E preguntoulle: “Vai vostede actuar para mellorar a xestión actual ou, directamente, vai culminar o plan de remate final do sector para levar a cabo un cambio de modelo da xestión do marisqueiro encuberto?”.

“Os orzamentos amosan claramente a quen ten decidido facer caso a Consellaría, e non é nin ao sector pesqueiro, marisqueiro e mexilloeiro nin ao BNG”, anticipou Rosana Pérez, quen asegurou no mesmo sentido que á vista deses orzamentos a Xunta en mans do PP “seguirá sen reaccionar para sacar o sector da crise na que se atopa”. Denunciou, neste sentido, que o Plan de Competitividade e Sostibilidade 2024-25 para o Marisqueo, “publicitado pola Consellería dende decembro pasado para capear o temporal das eleccións de febreiro”, nin sequera existe no proxecto orzamentario. “Nin un euro para ese plan”, dixo.

A interpelación do BNG chegou ao Parlamento logo do debate, na anterior sesión plenaria, da Iniciativa Lexislativa Popular asinada por máis de 18.000 galegos e galegas para pedir, entre outras cuestións, que a pesca, o marisqueo e a acuicultura fosen declaradas “a todos os efectos de interese xeral”, unha reivindicación que Rosana Pérez considerou “xusta e totalmente lóxica nun país altisimamente dependente da pesca como é o noso”.

É por iso que a deputada do Barbanza reprobou ao conselleiro a súa ausencia durante o debate da ILP. “Non tivo a decencia nin a delicadeza de estar presente, nin vostede nin ningún membro do Goberno galego, cando todo o sector reclamaba aquí que non deixen morrer o mar”, aseverou.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Xuíces e autos xudiciais” – José Manuel Pena

“Xuíces e autos xudiciais” – José Manuel Pena

Hai bos xuíces, profesionais e valentes que cumpren coas súas obrigas. Un deles, sen dúbida, é Borja Pérez, titular do Xulgado Número 2 de Ribeira. Dita un auto xudicial polo cal suspende o lanzamento dunha familia vulnerable de Ribeira, en aplicación do novo RDL...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.