O proxecto de mellora da praia e reurbanización do bordo do porto de Porto do Son, obra dos estudios galegos Creus e Carrasco (da Coruña) e RVR Arquitectos (de Santiago) e promovida por Portos de Galicia e a Consellería do Mar da Xunta de Galicia e o Concello Porto do Son, recibiu o Premio Europeo del Espacio Público Urbano 2024 na categoría de frontes marítimas.

Este galardóns foron convocados polo Centre de Cultura Contemporània de Barcelona (CCCB). A cerimonia de entrega da 12ª edición dos premios celebrouse este martes 29 de novembro no CCCB. Esta categoría incorporouse nesta edición ao certame para poñer en valor o papel das cidades costeiras fronte aos fenómenos climáticos extremos e forma parte da Regata Cultural, programa de actividades impulsado polo Ayuntamiento de Barcelona para acompañar a celebración da Copa América de Vela na cidade.

O xurado internacional destacou a dobre finalidade da obra de “renaturalizar o paseo marítimo con dunas que protexen un parque existente e reconstruír a relación entre as actividades portuarias e a comunidade local”. Sinalou que o proxecto “soluciona a mala convivencia existente entre as actividades portuarias e urbanas de Porto do Son e favorece o contacto directo entre a cidade e o mar”. O xurado tamén valorou positivamente “a atrevida e mesmo radical decisión do proxecto de preservar a antiga muralla que protexe a cidade dun mar especialmente axitado, situando as novas instalacións no reverso que aportarán nova vida urbana a un espazo que antes estaba reservado exclusivamente ás instalacións portuarias”.

Os membros do xurado aplaudiron especialmente “o feito de que o proxecto demostre unha profunda comprensión dos problemas que aborda, mesmo a necesidade de protexer e integrar a arquitectura e as defensas fronte ao mar; a urxencia de garantir o acceso á auga para todos os membros da comunidade conectando ao máximo esta experiencia co tecido urbano; a necesitada de dotar de infraestruturas que melloren o uso do paseo marítimo por parte dos peóns e a importancia de salvagardar e restaurar os sistemas naturais nunha situación de urbanización e cambio climático”. O xurado considerou que este enfoque xestiónase con honestidade, coidado e experiencia arquitectónica exhaustiva, dando como resultado un deseño que responde ás necesidades urbanas e é respectuoso cos sistemas naturais.

Tamén o xurado internacional concedeu o Premio Europeo del Espacio Público Urbano 2024 na categoría xeral ao parque na Colina del Levantamiento de Varsovia, obra dos estudios topoScape e Archigrest.
A 12ª edición do Premio Europeo del Espacio Público Urbano contou coa participación dun total de 297 proxectos, correspondentes a 35 países europeos. O pasado mes de xuño o xurado escolleu un total de 10 obras finalistas, 5 para cada categoría. Ademais desta selección, o xurado escolleu 20 proxectos máis dos presentados á categoría xeral que, pola gran calidade, pasarán tamén a formar parte do arquivo dixital do premio, o catálogo e a exposición itinerante desta edición.

As obras finalistas da categoría xeral son:
-Paseo da Boca da Mina. Reus, España. Batlleiroig.
-Sete intervencións en Monte. Castel San Pietro, Suiza. StudioSer.
-Palacio de exposicións. Charleroi, Bélgica. AgwA e architecten jan de vylder inge vinck.
-Bosque urbano. Tbilisi, Georgia. Ruderal.
As obras finalistas da categoría frontes marítimas:
-Reurbanización dos baños Dún Laoghaire. Dublin, Irlanda. DLR Architects’ Department, A2 Architects.
-Paseo marítimo. Palamós, España. Estudi Martí Franch Arquitectura del Paisatge, Ardevol Consultors Associats.
-Parque marítimo. Rímini, Italia. Benedetta Tagliabue – EMBT Architects.
-Bulevar da praia. Delfzijl, Países Baixos. LAOS landscape urbanism.
O Premio Europeo del Espacio Público Urbano’ é un certame bienal e honorífico que, desde o ano 2000, recoñece as mellores intervencións de creación, transformación e recuperación dos espazos públicos das cidades europeas.



