O I Concurso de Relatos Breves Ecos da Mente, iniciativa organizada pola Asociación Saúde Mental A Creba en colaboración co Concello de Ribeira co obxectivo de reflexionar, concienciar e sensibilizar á comunidade sobre as doenzas mentais, resolveuse este venres 25 de outubro coa entrega de galardóns desta primeira convocatoria.

O equipo responsábel da asociación comarcal A Creba cualificou a iniciativa de “éxito rotundo”, pois foron máis de 60 os traballos que chegaron desde distintos puntos da xeografía galega “e queremos agradecer a alta participación de persoas da nosa zona de influencia”.
ML, MSM, Mrs. Disaster, Foucellas, Pequena Vagalume, S.P., Uxía Becho Raro, Destino Atino ou Píllara son só algúns dos alcumes usados por persoas desta comarca para asinar os seus traballos.
Para A Creba, “a importancia disto radica en que se logra incidir na conciencia da cidadanía de Barbanza e Muros-Noia e espertar o seu interese pola temática, pois o fin principal non son os premios, que teñen máis ben un carácter simbólico”.
O xurado estivo composto por Alicia Padín, técnica de normalización lingüística; Álvaro Sevilla, xornalista e Silvia Sanjurjo, traballadora social e que fallaron a favor dos seguintes traballos:
Categoría Adulta
1º Premio: A amiga, de Clara do Roxo
Categoría Xuvenil
1º Premio: Fotosensíbel, de Amalia Blanco Pose
Categoría Diversa
1º Premio: Alfil, Xoán Antón Piñeiro Dios
2º Premio: Bendita Loucura, Rosa Buhía Lestón
Categoría Adolescente
1º Premio: Arrepentida por ter comido, de Alba Bretal García
2º Premio: Historias, Martiño Iglesias Esporas
O acto foi presentado por Francisco Javier Gómez, traballador social da entidade, en representación da xunta directiva interveu Jonathan Romay Moraña. Pola súa banda, a concelleira Herminia Pouso comprometeu a colaboración do Concello en iniciativas como esta. Tamén estiveron os edís Francisco Suárez-Puerta, Antía Alberte e Tania Redondo, que non quixeron perderse esta importante cita creativa e de sensibilización arredor da saúde mental.
Esta iniciativa encádrase dentro da axenda argallada en outubro por A Creba, con motivo do Día Mundial da Saúde Mental, xunto coa charla Deporte e Saúde Mental, levada a cabo no IES Nº1 de Ribeira e a mesa redonda con expertos da saúde mental, que tivo lugar o día 10 no Auditorio Vello de Ribeira.



