No 31 de outubro celébrase o Samaín e a Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal lanza dúas actividades para “pasalo de medo nesta data”, en palabras da concelleira Patricia Lojo, quen fixo saber que a alameda converterase “nu xardín terrorífico”, polo cal estará ambientada para a ocasión. Será a partir das 20.00 horas e a participación non require a inscrición previa.

E, no Teatro Cine Elma, proxectarase o filme Scream 6, ás 21.00 horas. Esta instalación municipal tamén estará decorada e disporase dun photocall para inmortalizar esta xornada. E, no remate, servirase chocolate con churros.
“Outro ano máis apostamos por celebrar este día, polo cal lles damos continuidade aos xardíns do terror e incorporamos o cinema a esta axenda. Convidamos a que todo o mundo asista disfrazado para acentuar a atmosfera terrorífica. Será unha xornada en que non quitaremos o susto do corpo”, sinalou a concelleira da Cultura, Patricia Lojo.
Como apuntou a técnica municipal desta área, Fita Sanisidro, conxúgase unha cita ao aire libre con outra no interior e ámbalas dúas son de balde.




