O PP de Ribeira, a través do concelleiro Vicente Reiriz, presentou para ser tratada en pleno unha proposición relativa ao estado no que se atopan as infraestruturas da parroquia de Artes, que, segundo apunta, “resulta mellorábel”.

Na proposta o concelleiro recorda que leva tempo “reivindicando o abandono da miña parroquia, Artes, onde o Executivo local aínda non foi a encontrarse coa veciñanza como si o fixo no resto”, e pregúntase en consecuencia o seguinte: “Acaso con Artes utilízase unha vara de medir diferente que co resto? Acaso os veciños de Artes non somos igual de importantes cós de Ribeira ou os de Carreira?”.

Segundo reclama, “en Artes tamén merecemos que o Goberno dea a cara, explique os proxectos (se é que os hai) e escoite os problemas que xa lle digo eu que os hai. E moitos”. Tamén é crítico cos orzamentos do Concello, que destina “cero euros para a instalación de equipamentos deportivos acordes e comparábeis ao do resto das parroquias”.

Estas son as deficiencias nas estradas e camiños que enumera o concelleiro e que segundo indican están pendentes de abordar na súa totalidade e con regularidade: limpeza de herbas e cunetas na estrada de Teixoeira a Viñas, limpeza de herbas e cunetas en Viñas, limpeza de herbas e cunetas en Perdigoteira, limpeza de herbas e cunetas en Gude, limpeza de marxes da estrada de Viñanova (estrada que vai ao Museo do Gravado). Ademais, indican que o lavadoiro de Gude é a día de hoxe intransitábel, e que a fonte do Cruceiro está sen limpar e apenas ten auga, por desperfectos nas tubaxes. Tamén denuncian o estado o que se atopan a fonte das Cruces e a estrada á igrexa (con contedores mal situados enriba da estrada).
É por iso que o Grupo Municipal do Partido Popular quere propoñer ao pleno os puntos seguintes:
1- “Que se realicen as rozas pertinentes na parroquia de Artes, mellorando así a imaxe de esta parroquia e polo tanto o benestar dos seus veciños”.
2- “A limpeza das fontes e lavadoiros da parroquia que se atopan en absoluto estado de abandono”.
3- “A inclusión nos orzamentos do 2025 dunha partida destinada á compra dos terreos propostos e aprobados por este pleno que se destinen á creación dunha área deportiva e de lecer para a parroquia de Artes, da que carece actualmente”.




