
O alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, reuniuse estes xoves 17 de outubro co secretario xeral de Vivenda e
Urbanismo, Heriberto García, a quen lle trasladou a necesidade de establecer accións que “permitan facilitar o acceso á vivenda para as familias e a mocidade do municipio”.
Durante o encontro, o rexedor achegou varias medidas destinadas ao devandito, entre as que se atopan a rehabilitación de vivendas antigas para destinalas a alugueiros a prezos accesíbeis ou facilitar a finalización de urbanizacións e edificios que aínda se manteñen sen rematar.
Ademais Pérez Barral solicitou que Ribeira sexa incluída no programa de construción de vivenda protexida emprendida polo Goberno galego para aliviar as dificultades de acceso á vivenda. Porén, esta cuestión foi desbotada polo secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, quen informou de que non existe previsión de que a Xunta de Galicia vaia facer vivendas de protección oficial no municipio.
O secretario xeral trasladoulle ao rexedor as diferentes liñas de axudas existentes para o sector privado e particulares como as axudas a promotores de vivendas para alugueiro, o programa de mobilización de vivendas para alugueiro e as que teñen para axentes da propiedade inmobiliaria e xestores inmobiliarios.
Xornada informativa sobre subvencións
O rexedor abordou a necesidade promover o coñecemento destas liñas de subvención, algo que viu con bos ollos. Ambas administracións quedaron emprazadas a realizar unha xornada informativa, dirixida aos axentes e xestores inmobiliarios da zona, para explicar polo miúdo estes programas, a través do cal a Administración autonómica ofrece aos propietarios de vivendas a seguridade necesaria a través dun seguro de falta de pagamentos e outro multirrisco do fogar, así como asistencia xurídica, sen ningún tipo de custo para os mesmos.
A Xunta informa ao alcalde de Ribeira das axudas para a promoción de vivendas e mobilización de vivendas para o alugueiro
O secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García, informou esta mañá ao alcalde de Ribeira, Luis Antonio Pérez, das diferentes liñas de axudas existentes para a promoción de novas vivendas e a posta a disposición doutras que actualmente se atopan desocupadas.
Na xuntanza, mantida na sede do IGVS, abordáronse as axudas a promotores de vivendas para alugueiro, que teñen actualmente aberto o prazo de solicitudes, así como o programa de mobilización de vivendas para alugueiro, que se executa en colaboración cos concellos interesados e tamén con axentes da propiedade inmobiliaria e xestores inmobiliarios.
Heriberto García mostrou a disposición da Xunta a realizar unha xornada informativa, dirixida aos axentes e xestores inmobiliarios da zona, para explicar polo miúdo este programa, a través do cal a Administración autonómica ofrece aos propietarios de vivendas a seguridade necesaria a través dun seguro de impagos e outro multirrisco do fogar, así como asistencia xurídica, sen ningún tipo de custe para os mesmos.



