
Proseguen as actividades do primeiro Ciclo Cultural Infantil Itinerante de Porto do Son, organizado polo Concello. Este domingo 20 de outubro será a quenda da narradora e escritora Paula Carballeira, que trae á Casa da Cultura de Queiruga o seu espectáculo Os contos que me contaron, a partir das 18.00 horas e con acceso libre até completar aforo. A peza está producida por Berrobambán.
Organiza a Área de Cultura do Concello coa colaboración da Deputación da Coruña.
Paula Carballeira adianta deste xeito as liñas básicas que vertebran o espectáculo: “Cando era nena non me contaron moitos contos, pero si me abriron as portas a moitas intrigas que me fixeron buscar as historias onde podía: nos libros, nas voces das persoas que coñecía ou descoñecía. Despois de adicarme á narración oral como profesión, oficio artístico, desde hai máis de vinte anos, descubrín que os contos veñen a min. Son contos que comparten as persoas que precisan lembrar e que queren que lembremos, que falan de quen somos, de onde vimos. Dalgún xeito, responden as grandes preguntas, gardan os misterios, perseguen facerte sorrir, rir, pero, sobre todo, buscan facernos sentir a gusto, en boa compaña”.



