
O Concello de Boiro pon en marcha unha nova edición do Proxecto EnClave para o curso 2024/2025, un programa que naceu no ano 2021 co obxectivo de previr o acoso escolar e promover o benestar emocional e a saúde mental nos centros de ensino do municipio. O alcalde, José Ramón Romero, e a concelleira de Ensino, Carmen Silva, presentaron este 11 de outubro o proxecto.
Consciente da importancia de abordar de “maneira integral” os desafíos que enfrontan os estudantes no seu desenvolvemento emocional e social, o Concello de Boiro lanzou no ano 2021 este innovador proxecto, unha “iniciativa innovadora que implementamos para atender as principais demandas da comunidade educativa a pesar de non ter as competencias e no que estamos investindo arredor dos 60.000 euros anuais”, afirmou o alcalde.
O programa foi mudando nos distintos cursos para adaptase ás necesidades educativas dos nenos e nenas seguindo as achegas dos equipos directivos de todos os centros para reducir os casos de acoso escolar (bullying) e equipar aos estudantes con ferramentas de intelixencia emocional e resiliencia procurando crear unha contorna escolar máis segura, empática e saudábel. “
As propostas que leva o programa van mudando en cada curso para adaptarse ás necesidades da comunidade educativa en función das propostas xurdidas no Consello Escolar Municipal e as aportadas polas direccións dos centros e as ANPAS”, afirmou Carmen Silva, engadindo que os programas que se porán en marcha este ano inciden en priorizar a intervención directa nas aulas e o traballo a través de entidades públicas, como é o caso da Universidade de Santiago de Compostela (USC) a través das facultades de psicoloxía, odontoloxía e óptica.
O Proxecto EnClave consta de sete programas distintos que se van levar a cabo tanto nos centros de educación primaria como nos IES:
-O programa de Prevención do Acoso Escolar vaise desenvolver durante todo o curso en todos os centros e consistirá en intervencións socioeducativas en materia de resolución de conflitos, prevención e intervención do acoso escolar.
-O programa Detención Temperá da Dislexia é unha das novidades deste ano, un programa que se vai desenvolver nos cursos de 1º, 2º e 3º de primaria para a realización dun cribado para a detención de dislexia ou TDEA/H.
-O programa Xogo Dramático levarase a cabo nos cursos de 6º de infantil e 4º de primaria. Mediante o teatro, traballarase a autoestima, a empatía, as habilidades sociais, o respecto, a tolerancia, a expresión corporal, as emocións, a atención e a concentración.
-Continúa nesta edición o programa de Hixiene Bucodental que este ano levarase a cabo a través da Facultade de Odontoloxía da USC para os cursos de 2º e 6º de primaria. Este programa ten como obxectivo traballar na educación bucodental e detección precoz de patoloxías.
-No programa de Avaliación Optométrica e Visual participa tamén a facultade de Óptica e Optometría da USC e vaise impartir nos cursos de 2º e 3º de primaria mediante actividades de screeening ou cribado visual para a detección temperá.
-O programa de Saúde Mental é o que centra o Proxecto EnClave 2024/2025 e no que se destinará a maior parte do orzamento deste ano ao considerarse un servizo de primeira necesidade, estendendo a súa intervención psicolóxica individualizada para as familias vulnerábeis tamén en primaria, mellorando o benestar emocional e mental do alumnado en idades máis temperás.



