Activados os servizos de emerxencias ante a alerta laranxa en toda Galicia por vento, chuvia e temporal costeiro

08 Outubro 2024

A Xunta, a través da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, vén de activar a alerta laranxa por vento e chuvia en terra con refachos moi fortes e por temporal costeiro en todo o litoral galego. Por iso, co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, advertiu da situación aos concellos das provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. Deste xeito, a Xunta activou os servizos de emerxencias para estar previdos ante os episodios adversos. 

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o fenómeno meteorolóxico por vento comezará mañá a primeiras horas da mañá e estenderase a toda a comunidade con refachos de ata 100 quilómetros por hora. No que se refire ao temporal costeiro, espéranse desde esta madrugada ventos do sur ou suroeste de forza 8 que poden acadar ocasionalmente forza 9 rolando a noroeste, xunto con mar combinada do oeste con ondas de ata sete metros.  

O nivel de alerta laranxa por chuvia agárdase que se inicie dende as primeiras horas desta madrugada no interior das provincias da Coruña e Pontevedra, no noroeste de Ourense e na zona do Miño en Pontevedra e Ourense por precipitacións de 80 milímetros en 12 horas.

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións. 

Ante os fortes ventos e chuvias recoméndase circular con precaución e informarse antes do estado das estradas, evitar pasar preto de árbores, paneis publicitarios, andamiaxes e obxectos que poidan ser derrubados polo vento, non atravesar zonas inundadas ou que poidan chegar a asolagarse, non aparcar nas ribeiras dos ríos, non utilizar vehículos lixeiros nin de pouca estabilidade e retirar todos os obxectos que poidan caer á rúa desde tellados, balcóns e ventas. 

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.

Centros educativos

Debido á activación da alerta laranxa por vento por parte da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) e de MeteoGalicia, a Comisión Escolar de Alertas decidiu suspender durante toda a xornada de mañá as actividades no exterior nos centros educativos de Galicia. 

Para o caso de que as circunstancias da localidade onde se atopa o centro supuxesen un risco superior ao declarado e pasase a unha declaración de nivel superior, as direccións poderán adoptar as decisións oportunas respecto das actividades extraescolares. Adicionalmente extremaranse as condicións de circulación do transporte con seguimento das condicións climáticas. 

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Teresa de Antas” – Xulio Xiz

“Teresa de Antas” – Xulio Xiz

A Casa da Cultura de Antas de Ulla chámase Teresa Batán. Bautizárona co nome da muller que entregou a vida á Biblioteca do seu pobo. Para min é Teresa de Antas desde hai máis de trinta anos, amiga admirada pola dedicación preocupada pola cultura e polos nenos. Na...

“Quen engana a quen?” – Antón Luaces

“Quen engana a quen?” – Antón Luaces

Pepa Millán, a portavoz de Vox no  Congreso dos Deputados, xoga a, como mínimo, dúas bandas: ou se engana ou nos engana ao enxuiciar o que acontece estes días en Ceuta onde, desde os días 30 e 31 de xullo pasado vén falando da necesidade de expulsar da cidade autónoma...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.