Como cada ano a nivel mundial, conmemórase este 10 de outubro o Día Mundial da Saúde Mental o 10 de outubro, nesta edición baixo o lema Traballo e saúde mental, un vínculo fundamental. A Creba vai estar de novo na vangarda desta celebración e farao con varias actividades, incluíndoa unha charla, un acto conmemorativo e un certame literario. “Dende A Creba vemos realmente necesaria a nosa presenza na poboación en xeral, e nos institutos de educación secundaria en particular, para visibilizar a importancia da saúde mental na poboación”, sinalan fontes da asociación barbanzá a conto desta completa axenda de accións programadas.
Programa de actividades
-7 de outubro do 2024.

Charla Deporte e saúde mental.No salón de actos do IES no 1 de Ribeira ás 16:50h. Participarán dous deportistas, Lidia Parada, atleta de lanzamento de xavelina e Alex Vidal parataekwondista, e un psicólogo experto en psicoloxía do deporte, Cristhian Fernández. Tralas intervencións haberá rolda de preguntas.
-10 de outubro.
· Acto conmemorativo na alameda de Noia: con lectura do manifesto e música en directo ás 12:00h . Participan os IES de Noia
· Mesa redonda sobre a saúde mental, no Auditorio Vello de Ribeira ás 12:00h. Participan a deputada de Política Social, dona. Mar García Vidal, o Xefe de Servizo da área de psiquiatría do CHUS, don Mario Páramo, a psiquiatra da USM do Hospital do Barbanza, dona Carmen Armas e a Traballadora social do centro de saúde de Ribeira, dona Isabel Fernández Lema.
· I Certame Fotografía #Enfocandoobenestar, no que poderán participar ata o 30 de novembro do 2024 o alumnado de 14 a 18 anos. A temática das fotografías será Coidando da miña saúde mental (máis información nas bases do certame en redes sociais). O premio será un xantar ou cea para 6 persoas no MammaMia Burguer de Noia, e A Creba entregará o vale do premio na dirección do IES gañador, para que a persoa gañadora o poida recoller alí.
· Concurso de Relatos Breves Ecos da Mente. Con catro categorías, adolescente (12-16 anos), xuvenil (16-30 anos), adulta (>30) e diversa (>16 con diversidade funcional).
-23 de outubro do 2024,
· Ás 12.00 horas, programa en radio Líder Noia. Enmarcado no Proxecto Aula nas Ondas 2024-2025. Asemade, ao longo de todo o curso académico levaranse a cabo charlas informativas nos IES da contorna, orientadas ao alumnado de 2º, 3º, 4º de ESO, e Bacharelato. O obxectivo é “informar, sensibilizar e previr problemas de saúde mental no contexto educativo, educar en saúde mental, ensinando ao alumnado a coidar a súa saúde mental, detectar sinais de alarma ou ter ferramentas que lles axuden en caso de que exista un problema desta índole”. Ademais, “búscase seguir dando a coñecer os servizos e recursos dos que dispón A Creba”.
A actividade suxerida consistirá nun xogo interactivo de preguntas ao estilo Pasapalabra, repasando termos relativos ao coidado da saúde mental e creando así unha charla grupal na que todas as persoas poidan participar e propor inquedanzas ou dúbidas.




