
Ribeira acolleu este 3 de outubro un acto conmemorativo organizado pola Comisaría de Policía Nacional con motivo da Festividade de Policía. No acto participaron, entre outras autoridades, a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, o alcalde Luís Pérez Barral, o tenente de alcalde Vicente Mariño, o xefe da Comisaría Provincial de Policía Nacional da Coruña, Carlos Gómez, e o xefe da Comisaría Local de Ribeira, Diego Amaya.
Rivas sinalou como retos de seguridade o reforzo da cultura de prevención fronte aos efectos da ciberdelincuencia e a protección das liberdades sexuais e das mulleres vítimas da violencia machista.
No que respecta á ciberdelicuencia, a subdelegada advertiu “do crecemento dun 20% nas estafas informáticas que se cometeron no Concello de Ribeira entre xaneiro e xuño deste ano”. Para reverter esta tendencia, fixo fincapé no fomento da cultura de seguridade en todos os sectores, incluíndo o empresarial e institucional pois “calquera podemos ser vítima destas organizacións”.
A esta realidade engadiu a loita contra os delitos que atacan as liberdades sexuais, sobre todo a violencia exercida sobre as mulleres. Unha tarefa na que, lembrou, “empregamos todas as armas que nos dá o Estado de Dereito, co obxectivo de que ningunha muller sufra acoso, explotación, ameazas ou agresións polo feito de ser muller”.
María Rivas lembrou á muller asasinada este ano en Ribeira pola violencia machista reafirmando o compromiso coa erradicación “desta secuela que nos fai retroceder en democracia”.
No seu discurso, a subdelegada puxo en valor o esforzo feito pola Policía Nacional para achegarse á cidadanía, e converterse nun corpo de seguridade de referencia e próximo. Un traballo que continúa e que se estende ás mensaxes, á comunicación e mesmo ás infraestruturas: “Ribeira é exemplo disto, coa súa nova comisaría, máis accesible e adaptada ás necesidades desta localidade”, sinalou.
Nesta proximidade, María Rivas puxo en valor o traballo desenvolvido pola Comisaría de Ribeira a través do Plan Maior Seguridade e o Plan Director de Convivencia Escolar, así como a relación de cooperación permanente que manteñen Comisaría e Policía Local de Ribeira. Cualificou esta colaboración de exemplo “de traballo conxunto entre corpos policiais baseado na confianza e respecto mutua”. Precisamente na cita deste xoves 3 a Comisaría homenaxeou á Policía Local de Ribeira en recoñecemento a este traballo conxunto.
A subdelegada fixo unha mención especial ao tres axentes que recibiron este 3 de outubro a súa condecoración ao Mérito Policial. Dous deles pola acción desenvolvida tras un intento de homicidio en vía pública e o terceiro, do equipo de radiopatrullas, en recoñecemento á súa traxectoria profesional.
O acto celebrouse na Casa do Mar de Ribeira e no centro urbano de Santa Uxía.



