
Este mes de outubro proseguen as funcións da 29 edición do Outono Teatral de Outes, o programa escénico do Concello impulsado pola Área de Cultura que dirixe Anxo Núñez, que inclúe unha chea de espectáculos até febreiro do ano que vén. A vindeira cita será este sábado 5 de outubro e trátase de Crisálida de Caramuxo Teatro, unha proposta que se encadra na celebración dos 20 anos de andaina da compañía.
Trátase dunha comedia que fai unha homenaxe ao comercio tradicional e de proximidade que crea convivencia e comunidade. Crisálida é a historia dos irmáns Seoane (Nieves e Fernando) e a súa mercería (Crisálida) que reivindica a importancia do comercio tradicional nun mundo globalizado e cada vez máis dixitalizado. A cita será ás 19.00 horas na Casa da Cultura de Outes.As entradas pódense adquirir de xeito telemático en Bandoticket.
Logo de Crisálida proseguen en outubro as funcións do Outono Teatral de Outes con O Dragón de Ouro de Sarabela Teatro (o 12 de outubro ás 20.00 horas, para maiores de 14 anos), Kl’aa tu canción de Inspira Teatre (o 18 de outubro ás 12.30 e ás 18.00 horas, para público infantil de 0 a 5 anos), O último verán en Santa Cristina de Teatro do Noroeste (o 26 de outubro ás 20h, para maiores de 14 anos), Tá de Escena Miriñaque (o 28 de outubro ás 12.30 horas, para público infantil de 2 a 6 anos) e As Alumnas de Culturactiva (o 2 de novembro ás 20.00 horas, para maiores de 14 anos).




