Besteiro ve prioritaria a renovación da frota galega co apoio da Unión Europea

02 Outubro 2024

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, mostrou hoxe en Conxemar a súa satisfacción por que o Goberno estea traballando de cara a unha renovación da frota pesqueira a través de fondos europeos, en concreto, reclamando a apertura do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa) a entrar nese financiamento. Besteiro compartiu na feira que se celebra en Vigo, “capital mundial da pesca”, a estratexia que avanzou esta mesma semana o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis
Planas, para unha modernización coa que se buscará non só aumentar a eficiencia e seguridade
dos barcos, senón tamén garantir mellores condicións para as tripulacións.
O impulso á renovación da frota sitúase, afirmou Besteiro, dentro da “aposta dos socialistas polo futuro da pesca”, sobre o que tamén están a operar as axudas do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, que dispón de 20 millóns de euros, ampliables en función dos proxectos presentados. Estas axudas, cuxo prazo de solicitude finaliza o 16 de outubro de 2024, son clave para promover a sostibilidade e a innovación nun sector chamado a ser tamén protagonista na transición ecolóxica.
Besteiro tamén mostrou a súa preocupación polo descenso do consumo de peixe e sinalou que hai por diante “unha tarefa moi importante” para reverter esa tendencia. Trátase dun reto que afecta directamente á viabilidade do sector, xa que a baixada dos últimos anos sitúase en cifras próximas ao 30 %, e cada vez faise máis patente a necesidade de cambiar a percepción dos consumidores, especialmente entre os sectores máis novos da poboación.
“O peixe non é caro”, recordou o líder socialista, que considera “fundamental” o desenvolvemento de campañas en favor dun produto que destaca pola súa calidade, versatilidade e beneficios nutricionais.
Sobre o crecemento de Conxemar, José Ramón Gómez Besteiro cualificouno de “gran éxito” tanto para Vigo como para Galicia e subliñou que a feira, verdadeira mostra do “progreso e o desenvolvemento” do sector, é unha “referencia mundial”.
O secretario xeral atendeu aos medios na compaña do alcalde de Vigo, Abel Caballero, que lle agradeceu a Besteiro o seu compromiso con Conxemar, un encontro, asegurou, que ten como principais apoios “ao Goberno de España e ao goberno de Vigo”. Lembrou que é “imprescindible” ampliar o recinto no que se celebra (Ifevi), no que o Concello “ten o triple de superficie que a Xunta”, polo que apuntou á necesidade de que o Goberno galego se faga cargo dese aumento de espazo.

Outros artigos

Falece un ciclista tras sufrir unha caída nunha pista forestal en Cee

A vítima formaba parte dun grupo de sete persoas que percorría en bicicleta o Camiño a Fisterra Un ciclista perdeu a vida esta tarde no concello coruñés de Cee tras precipitarse da súa bicicleta mentres realizaba o Camiño de Santiago en dirección a Fisterra xunto a un...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

Nunha mañá fría de xaneiro de 1936, ao pé do lume da lareira da Casa dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), Álvaro das Casas, escritor e dinamizador cultural do galeguismo, reuniu un grupo de colleiteiros do Ribeiro para propoñerlles a creación da Unión de Colleiteiros...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.