Román Rodríguez anuncia dende o CETGA (Aguiño) un millón de euros adicional para apoiar aos centros tecnolóxicos galegos

27 Setembro 2024

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, anunciou este venres 27 de setembro un incremento dun millón de euros neste ano para gastos de estruturación dos centros tecnolóxicos galegos, ata acadar un total de 4,1M€. Trátase dunha convocatoria plurianual, correspondente aos anos 2023/24, está pensada para que os centros poidan “destinar o diñeiro que aportamos desde o Goberno galego ás súas necesidades para así lograr un mellor funcionamento”, sinalou, durante unha visita ao Centro Tecnolóxico do Clúster da Acuicultura (CETGA) en Ribeira, que con este incremento recibirá un total de 285.627 euros, 70.000 máis que a achega inicial.

Rodríguez fixo fincapé na importancia “do traballo que realizan os centros tecnolóxicos na mellora das principais áreas económicas en Galicia”. Salientou que o CETGA ten como fin mellorar o sector da acuicultura coa calidade do produto, garantías para o consumidor, innovación, formación e procura dos factores que satisfagan ao mercado, o que o sitúa como referente internacional en acuicultura de peixes planos.

Na súa estadía en Couso (Aguiño, Ribeira), guiada polo director do centro Santiago Cabaleiro, o titular de Ciencia puido coñecer de primeira man como funciona o CETGA e o seu traballo na busca de solucións innovadoras para mellora de produtos e sistemas a través da I+D+i, así como a visión da Intelixencia Artificial na cadea produtiva das instalacións acuícolas ou o uso de novas ferramentas para actividades como o control de enfermidades infecciosas.

Visita aos laboratorios e a planta piloto

Entre os proxectos máis destacados do CETGA atópase Aquatrofic, co que se busca potenciar o cultivo de microalgas e outras especies de interese, e o Mivali, para desenvolver novas vacinas con un efecto protector a longo prazo. Así mesmo, o centro conta con oito laboratorios: autovacinas, bioloxía molecular, experimentación animal, análises químicos, microbioloxía, preparación de mostras, cultivo celular e microscopía. Ademais, conta cunha planta piloto para realizar un cultivo completo de calquera especie, cunha dilatada experiencia en cultivo de rodaballo, linguado, robaliza, dourada e mero.

Román Rodríguez comprometeu o apoio da Xunta de Galicia a actividade do CETGA, que xa leva recibido uns 2,8M€ do Goberno autonómico, dos que case 2M€ foron achegados desde a Axencia Galega de Innovación, dependente da Consellería de Ciencia.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Ti, morena, quen es?”. Luís Celeiro

“Ti, morena, quen es?”. Luís Celeiro

Son eu, señor capitán deste navío mercante! Eu son unha muller de mundo, ando polo mundo senrumbo e sen sosego. Estou embarcada neste buque e quero saber para onde imos, cantos e cantassomos, como viviremos o que nos queda de mar e quen seremos ao regresar á terra, se...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.