A organización Ecoloxistas en Acción denunciou á Xunta ante a Fiscalía da UE polo proxecto e obras do denominado Eixo de Mobilidade Sostible Milladoiro – Santiago, financiado con 7 millóns de euros de fondos europeos Next Xenerations, que consiste nunha vía para bicicletas e peóns entre Milladoiro e a Estación Intermodal de Santiago. A organización cualifica o proxecto de “intervención urbana dura” que inclúe “unha rúa formigonada e pavimentada con beirarrúas e iluminación, de 6 metros de ancho, con noiros (taludes) e escolleras e que discorre polas beiras do rio Sar, o seu bosque de ribeira, o bosque patrimonial do Banquete de Conxo, e mesmo penetra na horta do Convento de Conxo, Ben de Interese Cultural incluído na Declaración de Patrimonio da Humanidade pola UNESCO”.

Tanto desde a organización ecoloxista como desde a asociación veciñal Conxo Aberto sinalan que “esta actuación ademais dun grave dano ecolóxico e tamén comporta un grave impacto negativo cultural e patrimonial”. Así foi manifestado por Conxo Aberto nos seus escritos de alegacións ante a Consellería de Mobilidade e Infraestruturas, promotora do proxecto, e mesmo en reunións presenciais con responsables e técnicos da Consellería.
Destacan que, a maiores, “a intervención ten lugar na area dun proxecto anterior igualmente financiado con case 1 millón de euros de fondos europeos Next Generation, o Proxecto Eco-bosque Rio Sar do Ministerio de Transición Ecolóxica e o Concello de Santiago, que buscaba precisamente a restauración e renaturalización e aumento a biodiversidade das mesmas ribeiras de bosques que o Eixo de Mobilidade pretende agora arrasar co seu viario”.

“A incompatibilidade de ambos proxectos e evidente e notoria e, aparte dos danos indicados supón a dilapidación irregular de fondos europeos en dous proxectos incompatíbeis, no que un anula ou destrúe o desenvolvido polo anterior; o que comporta un posíbel delito de malversación de fondos públicos da UE”, denuncia Cristóbal López, voceiro de Ecoloxistas en Acción.
“As obras de tala e apertura dunha pista forestal, especificamente prohibida, comezaron xa en xullo dentro do Convento de Conxo e no bosque de ribeira da propia area, e avanzan actualmente a un ritmo preocupante no entorno do Milladoiro, resultando inaprazábel a súa paralización cautelar para evitar danos irreparábeis”, alerta Luciano Villar, voceiro da asociación veciñal Conxo Aberto.



