
Este 11 de setembro presentouse o novo curso do Conservatorio Municipal de Ribeira ao que acudiron a concelleira de Educación, Cruz Rivadulla, e o director do Conservatorio, Álvaro López.
Rivadulla sinalou que “logo do descanso do verán volvemos comezar coas pilas cargadas un novo curso que arrinca coas obras practicamente rematadas cunha nova envolvente térmica”. Lembrou que o edificio conta cunha cuberta e fachada totalmente remodelada así como unha renovación de toda as xanelas. O interior foi tamén foi pintado na súa totalidade.
En canto á parte académica, Rivadulla e López lembraron que o Conservatorio conta cun equipo de 16 profesoras e profesores cunha oferta educativa ampla con 9 especialidades diferentes. Piano, violín, viola, violonchelo, frauta, clarinete, saxofón, trompeta e gaita son os diferentes instrumentos que se poden estudar nas instalacións, que ademais contan coa Escola de Música, que ten como obxectivo os cativos e cativas de 4 a 7 anos divididos en tres aulas, a Aula de Música de Movemento para nenos e nenas de 4 anos, e aulas de iniciación musical para crianzas de 5 e 6 anos e preparatorio para crianzas de 7 anos.
A matrícula para a escola estará aberta dende o vindeiro luns 16 ata cubrir as prazas ofertadas
(12 por aula) e o curso comezará o 2 de outubro.
A actividade lectiva comezará a semana do luns 16 de setembro. Nesa semana, a primeira clase das materias colectivas adicarase, sobre 15-20 minutos ao principio da mesma, para á presentación da materia co profesorado á cal poderán asistir pais e nais. Logo da presentación a clase continuará con normalidade xa só co alumnado.
En canto a actividades que se organizan no centro, continuarase cos seguintes seminarios:
Aula Galega de Saxofón que cumprirá este curso a súa XVII edición, cunha temporalidade mensual de outubro a maio/xuño
Seminario de Frauta “Frautísimamente” con con tres encontros durante o curso en outubro, xaneiro e maio.
Seminario de Música Antiga, ao igual que o ano pasado con tres encontros durante o curso.



