A Casa da Cultura de Lousame acollerá ata o 30 de outubro a exposición Novos Vieiros de José Luís Veiras Manteiga

11 Setembro 2024

A concelleira de Cultura de Lousame, Silvia Agrafojo, e o artista José Luís Veiras Manteiga, inauguraron na noite deste martes 10 de setembro a mostra Novos Vieiros, que poderá ser visitada ata o vindeiro 30 de outubro na sala de exposición da Casa da Cultura local. Trátase dunha mostra que inclúe 41 cadros, a maioría pintados no 2023, e que son unha especie de diario persoal do autor, “un camiño de expresión que nos achega á súa obra a través de diferentes vivencias persoais”, indicou a edil durante o acto de inauguración.

Agrafojo salientou que para o Concello de Lousame “é un orgullo contar con artistas como Veiras Manteiga ou Alfonso Costa, veciños xenerosos que tanto teñen que ofrecer a Lousame e cunha traxectoria artística e vital tan relevante”. Veiras Manteiga estivo arroupado polo artista Alfonso Costa; Xoán Pastor Rodríguez, director do Museo do Gravado de Ribeira; e polos concelleiros de Economía, Esteban Ares García; Deportes, Mariel Agrafojo Nieto; e Seguridade Viaria, José Antonio Ces Barreiro.

Traballo

Na súa intervención, Veiras Manteiga explicou que aínda ten moitos máis cadros como os que compoñen esta exposición e que “podería seguir facendo máis pero xa teño outra cousa na cabeza. E vou seguir traballando, que senón abúrrome”. De feito, bromeou cos presentes dicindo que os amigos lle dixeran “pensei que morreras”, cando o que pasaba era que estaba traballando no seu estudo na aldea de Camboño (Lousame).

Así mesmo, tivo un momento de complicidade co seu amigo e veciño Alfonso Costa, quen contou unha anécdota sobre como “sempre que falo meto a pata, porque mesmo presentei un texto que me enviou Ayaso dende o outro mundo”. Neste senso, Veiras Manteiga desexou: “Gustaríame soñar coma ti e que se me aparecera alguén que me dixera: pinta isto. Pero que non fora Ayaso, que fora Picasso”.

Pola súa banda, Alfonso Costa presentou a Veiras Manteiga como “un traballador impecable, non comete erro ningún. Busca un camiño a seguir, como facemos todos os artistas, e el o traduce en marabillas, nunhas pinturas máxicas, nunhas paisaxes que non existen na realidade… pero que existen en Camboño”. Así mesmo, animouno a que “siga traballando porque está rompendo moldes. Dende o comezo está rompendo co camiño e está buscando un camiño. E creo que acertou e está visualizando outros mundos. E doulle as grazas por iluminarnos porque así nós podemos tamén facer algo distinto”.

Finalmente, Xoán Pastor Rodríguez salientou que “a arte de Veiras Manteiga é unha arte enérxica, creativa, de temas ben delimitados, de cores potentes, de planos marcados pero tamén de desexo innovador, de compromiso, de querer facer o futuro agora, amosar coa cor o estado primixenio da conciencia onde as cores acontecen dando lugar á vida, como dicía a poeta Eva Veiga”. Ademais, fixo entrega ao Concello de Lousame dun libro editado polo Museo do Gravado de Ribeira co gallo da inauguración desta exposición.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“La cantina móvil de Cruz Roja”. José Castro López

“La cantina móvil de Cruz Roja”. José Castro López

Las mejores iniciativas sociales suelen ser también las más sencillas, no necesitangrandes edificios ni presupuestos millonarios, basta una buena idea y la voluntad deponer a las personas en el centro. Ocurre con muchas propuestas, tanto de iniciativaprivada como de...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.