
Na mañá deste xoves 5 de setembro presentouse en Ribeira a primeira edición do Concurso de Debuxo e Pintura Montse Noya Vázquez, un certame convocado en homenaxe á profesora ribeirense recentemente falecida. Participaron a concelleira de Educación, Cruz Rivadulla máis as docentes do CPR Galaxia: Eugenia Garrido, Beatriz Paz, Lola Pérez e Marta Diz. Destacaron que grazas a este concurso, o alumnado de todos os centros de ensino de Ribeira terá “unha cita coa expresión plástica”. A iniciativa vén da man do CPR Galaxia e o Concello de Ribeira, que apoia o certame co obxectivo de “chegar a todos os recunchos do termo municipal e conmemorar a memoria de Montse Noya como representante de todas as persoas que exercen o maxisterio, a celebración do recoñecemento do traballo incansábel dos mestres e mestras e a honra da súa memoria”.
As profesoras do CPR Galaxia explicaron que “dende o Colexio Galaxia queremos organizar este concurso como homenaxe á nosa querida compañeira Montse Noya Vázquez, que nos deixou de xeito inesperado e á que botaremos sempre en falta. Cos seus murais enchía o noso colexio e os nosos corazóns de creatividade. Por iso, desexamos compartir e continuar o seu labor transmitindo esa ilusión e facendo partícipes a todos os centros de ensino do concello”.




