O Concello da Pobra do Caramiñal recomenda a veciñanza e visitantes absterse temporalmente do baño na praia dos Areos con motivo da detección dun novo episodio de contaminación microbiolóxica na auga. Dende o Consistorio engadiron que se trata dun aviso da situación no areal, “pero non significa un peche do mesmo”.
Efectuouse a toma de mostras na dita praia por parte da Consellería da Sanidade ao abeiro do Programa de vixilancia sanitaria das zonas de baño de Galicia 2021-2025. Consisten en probas rutineiras que se realizan entre os meses de maio e setembro para coñecer a evolución da calidade das augas para o obrigado cumprimento da normativa europea.
A comunicación dos resultados da analítica chegou á Administración local na mañá deste 30 de agosto, polo que se procedeu coa colocación de carteis informativos nas inmediacións dos Areos.
En vindeiras datas repetirase o exame para saber os datos que reflicte esta contraanálise.
Os datos que poidan xurdir sobre o novo episodio de contaminación serán comunicados á cidadanía, engadiu o Concello.




