
Lavadoiro, o proxecto audiovisual de Ana Amado e Lois Patiño que aborda o rol esencial dos lavadoiros tradicionais na vida das mulleres como lugares de traballo doméstico e tamén de socialización, proxectarase este xoves 29 de agosto nos Muíños de San Tomé (Baroña), a partir das 20.30 horas.
A arquitecta e fotógrafa Ana Amado, xunto co cineasta galego Lois Patiño, deseñou unha intervención efémera, fotografada e gravada nesta peza audiovisual que foi galardoada co Premio á Mellor Curta Nacional no Ibizacinefest-Festival Internacional de Cine Independiente de Ibiza
A proxección levarase a cabo coa colaboración da Comunidade de Montes de Baroña.
O traballo que deu como resultado este proxecto de Ana Amado e Lois Patiño comezou cunha investigación arredor dos lavadoiros que puxo o foco no seu carácter de “elementos arquitectónicos singulares e de gran valor patrimonial” pero tamén como “lugares exclusivos de mulleres, onde se levaban a cabo unha de tantas tarefas domésticas que tiñan realizar no seu día a día e que, por desgraza, non eran recoñecidas nin agradecidas”.
Froito destas pescudas xurdiu a idea de facer unha curtametraxe da man de Ana Amado e como director o cineasta galego Lois Patiño, rodando as escenas entre os lavadoiros de Artes, o das Pinisqueiras en Aguiño (os dous no concello de Ribeira) e nas pozas de San Tomé en Baroña, en Porto do Son, contando como protagonista de varias mulleres locais sen experiencia previa no sector audiovisual pero que compensaron esta falta de bagaxe cinematográfica cunha importante dose de autenticidade (testemuñas directas).
En Baroña filmáronse e recolléronse datos e información das mulleres que a día de hoxe aínda seguen lavando a diario no lavadoiro de Vilar.
O proxecto conta co apoio dunha subvención da Deputación da Coruña e a colaboración dos Concellos de Ribeira e Porto do Son, ademais do apoio de personalidades como o arquitecto Carlos Seoane, autor da restauración do Lavadoiro de Artes, ou o arquitecto inglés David Chipperfield, afincado en Corrubedo.
Ana Amado salientou recentemente a “enorme axuda que particulares en Ribeira e Porto do Son e entidades locais como a Comunidade de Montes de Baroña en asuntos como a loxística, permisos, montaxes de escenografía, etc, facilitándonos o contacto coas mulleres locais usuarias de lavadoiros, que nos están achegando testemuños valiosísimos que é absolutamente necesario rescatar do esquecemento”.



