A Deputación e a Xunta enxalzan en Gastromar os produtos pesqueiros e marisqueiros das lonxas de Ribeira e de Aguiño

23 Agosto 2024

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González, e o director xeral de Pesca, Antonio Basanta, estiveron este 23 de agosto en Ribeira, na praza de España, para participar na inauguración da terceira edición do evento gastronómico Gastromar, organizado pola Asociación de Empresarios de Ribeira. No acto estiveron presentes tamén o presidente da Asociación de Empresarios de Ribeira, Francisco Martínez Gude, e o alcalde do municipio, Luís Pérez Barral. Tamén participaron os concelleiros Fernando Abraldes e Francisco Suárez-Puerta, e máis os patróns maiores de Ribeira e Aguiño, José Antonio Santamaría e José Antonio Pérez.

Formoso reivindica a transcendencia do sector

O presidente provincial destacou a “vinculación ao mar” da localidade, que vai desde a súa propia toponimia á enorme transcendencia do sector na economía local. Formoso destacou que o ribeirense é o “principal porto de baixura de Europa” e conta con, aproximadamente, 250 embarcacións de pesca. Así mesmo, lembrou que a lonxa de Ribeira foi a que rexistrou máis descargas de peixes e mariscos en Galicia no 2023. O dirixente especificou que a lonxa de Aguiño, situada na homónima parroquia da localidade, tamén se situou entre as 15 galegas con máis descargas durante o pasado ano.

“O mar é unha fonte de emprego e económica fundamental na provincia e máis especialmente nesta comarca e no Concello de Ribeira. Por iso, desde a Deputación da Coruña, cómpre apoiar na promoción dos produtos que aquí se pescan non só en cantidade, senón tamén en calidade”, apuntou Valentín Formoso.

Durante a inauguración levouse a cabo unha cata destes produtos locais que, entre hoxe día 23 e o domingo 25, ofreceranse nos foodtrucks situados na Praza de España e que abrirán de 13:00 a 16:00 e de 20:00 a 23:00 horas. Haberá dez variedades de peixes e mariscos, ademais de bebidas co viño da IXP Terra do Barbanza e Iria como produto destacado. Ademais, a oferta completarase con actividades como demostracións gastronómicas, actuacións musicais e eventos de ocio infantil.

Antonio Basanta destaca o potencial do evento

Pola súa banda, o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, destacou o potencial deste evento para poñer en valor os produtos do mar de Galicia e dar a coñecer os seus beneficios nutricionais a través da gastronomía, así como impulsar a súa demanda e os seus prezos.

Lembrou que a feira Gastromar, na que participan outras entidades da zona vencelladas co sector marítimo-pesqueiro e que conta co apoio da Xunta de Galicia, busca “difundir os produtos do mar capturados pola frota local como o lirio, o xurelo, o polbo, o congro, o mexillón ou a ameixa”.

Ao mesmo tempo, tamén ten como fin promocionar a cociña local, salientou.

Cos ditos obxectivos, esta feira, que se celebra desde hoxe ata o domingo, día incluído, ten programados diferentes obradoiros, demostracións e degustacións de receitas elaboradas con peixes e mariscos e que inclúe tamén a participación de foodtrucks.

Outros artigos

Proseguen os traballos de extinción do lume de Ribasieira (O Son)

Este martes 22 de setembro segue activo o lume forestal do concello de Porto do Son, orixinado e focalizado (polo de agora) na parroquia de Ribasieira, nun lugar de difícil acceso que pola súa complicada orografía e pola precariedade dos accesos motivou onte o...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.