Esta fin de semana imos ter festa si ou si. En Rianxo no panorama de celebracións destaca a Festa da Carballeira, na Carballeira do Cura da parroquia de Asados, este venres 9 de agosto, organizada pola Comisión de Festas de San Pedro de Vilas coa colaboración do Concello. Haberá música e exaltacións gastronómicas. A troula comezará polo serán, ás 19.30 horas, con xogos populares para a rapazada e un espectáculo infantil ás 20.30 horas a cargo do irreverente pallaso galego Peter Punk, que presenta Chungo que te cagas. O programa tamén inclúen “unha mexilloada popular, sorteos e máis sorpresas”. Pola noite a música será a gran protagonista coas actuacións (a partir das 21.30 horas) de Maruxa & Coralia DJ, a Real Banda de Cadeiras Encartables, a Orquestra Neverloura e Yaya DJ.




